GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Envío de remesas crecerá en 2010, que será un ano difícil para Latinoamérica

(10/12/2009)

Envío de remesas crecerá en 2010, que será un ano difícil para Latinoamérica

EFE , Madrid | 09/12/2009 - O envío de remesas a Latinoamérica crecerá ao redor dun 5 por cento en 2010, un ano que se presenta difícil para os países da rexión, aínda que as previsións con respecto a 2008, cando a incidencia da crise económica comezou a facerse notar nas economías mundiais, seguirán sendo negativas.

A situación económica actual dos emigrantes e a súa influencia no envío de diñeiro aos seus países de orixe foi debatida hoxe por un grupo de expertos internacionais na Casa de América de Madrid.

Baseados nun estudo realizado polo director de Remesas e Desenvolvemento do centro de análise Diálogo Interamericano, Manuel Orozco, os datos expostos non son nada esperanzadores para 2010, sobre todo no que afecta a Latinoamérica, unha rexión que pasará "un ano duro, con tendencias máis negativas que en 2009".

O informe foi realizado en seis cidades de Estados Unidos, ademais de Madrid, Barcelona e Roma, nas que foron entrevistadas 1.200 persoas co obxectivo de ver como responde a inmigración á crise económica.

A partir das cifras que se desprenden do seu estudo, Orozco sinalou que, "aínda que a recuperación económica depende de cada país, as familias, en xeral, van presionar aínda máis aos inmigrantes", que se verán obrigados a seguir mandando diñeiro.

"Ata o momento, a redución no envío de remesas fora emendada por moitos inmigrantes grazas ao aforro, que a partir de agora diminuirá en torno ao 30 por cento", explicou.

A presión familiar e o descenso do aforro son dous dos factores que, segundo o director de Remesas e Desenvolvemento, influirán, xunto á evolución da taxa de desemprego e do nivel de ingresos, na "lixeira" recuperación das remesas en 2010.

Os datos non son alentadores, se temos en conta que para 2009 prevese que os envíos de diñeiro descendan un 11 por cento a nivel mundial, o que afectará a uns 4 millóns de persoas, e no caso concreto de España un 20 por cento.

Segundo o estudo realizado por Orozco, e a pesar de non estar pechadas aínda as cifras, os emigrantes mandarán aos seus países un 12 por cento menos que o ano anterior, debido, principalmente, á perda de emprego, a caída dos salarios e a redución da migración.

De confirmarse eses datos, 1.300.000 fogares deixarán de percibir ese diñeiro en 2009 e outros cinco millóns recibirán un 5 por cento menos.

Para que esas estimacións melloren en 2010, e a xuízo de Orozco, "terá que haber unha maior administración nos fogares e unha recomposición do manexo do diñeiro", tanto nos emisores como nos receptores.

Nese sentido, o experto en remesas sinalou que, a pesar de todo, "o nivel de satisfacción entre a poboación inmigrante é positivo, en xeral, en todos os países estudados", e destacou o papel das mulleres no mantemento das cantidades enviadas cada ano.

"En todas as cidades estudadas, tanto de Europa como de Estados Unidos, son as mulleres inmigrantes as que tratan de manter os niveis de envío do ano anterior. Son o sector que enfronta a crise máis estoicamente, por encima dos homes", dixo.

En canto á posibilidade do retorno, Orozco indicou que, desde que se iniciou a crise económica, "o tanto por cento que quere volver aos seus países pasou dun 15 a un 54, aproximadamente, pero un terzo deles fano pensando en regresar nuns anos para seguir traballando".

O director de Remesas e Desenvolvemento fixo fincapé en que "neste momento o custo de regresar é máis alto que o de quedar", e iso tendo en conta que a actual taxa de desemprego na poboación inmigrante en España é dun 23 por cento, "aínda que en 2010 podería reducirse a un 15 por cento".

Sobre os custos que asumen os inmigrantes para facer chegar o diñeiro ás súas familias, o especialista en remesas do Grupo do Desenvolvemento do Sistema de Pagos do Banco Mundial, Carlo Corazza, sinalou que estes "están baixando máis que subindo", e destacou a España como un dos "corredores de remesas" máis baratos a nivel mundial.

Corazza explicou que os países máis industrializados comprometéronse no último cume do G-8 en L'Aquila (Italia) a conseguir unha redución do 5 por cento, nun prazo de cinco anos, naqueles lugares nos que os custos dos envíos é máis alto, fronte ao 10 por cento actual.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas