GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O retorno de emigrantes cae en Galicia ao seu nivel máis baixo desde o ano 1992

(26/10/2009)

O retorno de emigrantes cae en Galicia ao seu nivel máis baixo desde o ano 1992
Goberno e sindicatos desvinculan o descenso dos retornos da crise económica e achácano ao fin dun ciclo completo de xubilacións e á recuperación dos países dos que máis emigrantes saíron esta década


M. VÁZQUEZ | SANTIAGO A chegada de retornados a Galicia freouse en seco. O ano pasado volveron á comunidade 4.385 emigrantes, a cifra máis baixa polo menos desde 1992 -o último ano do que existen datos oficiais- e catro veces menos dos que regresaron a Galicia entre 2001 e 2002 tras decretarse o Corralito en Arxentina, unha decisión que marcou o inicio da peor recesión económica na historia do país austral. A avalancha de retornados coa que arrincou a década, con todo, parece quedar atrás e nos últimos seis anos o fluxo de emigrantes non deixou de diminuír. Trátase dunha tendencia común ao conxunto de España, onde o ano pasado regresaron 31.388 emigrantes fronte aos 35.129 do ano anterior.

Aínda que a primeira ollada puidese parecer o contrario, a crise económica pouco ou nada ten que ver con esta notable redución dos retornos. Fontes do Ministerio de Traballo e Inmigración e sindicatos achacan este descenso principalmente ás características particulares da emigración galega e aos vaivéns políticos, sociais e económicos que sufriron os países de acollida nos últimos anos. "Do mesmo xeito que as elevadas cifras de retornados doutros anos non tiveron nada que ver co período de bonanza económica que se viviu en España, tampouco a crise ten nada que ver con esta redución. Porque por moi mal que esteamos aquí sempre estaremos mellor que en Venezuela ou Cuba", explica Xurxo Martínez Crespo, responsable de CIG Migración na Coruña.

A recuperación económica e a estabilidade social dalgúns dos países suramericanos que máis retornados desviaron a Galicia nos últimos tempos, sumado a unha cuestión xeracional, xa que a maioría dos emigrantes que marcharon antes da década dos 60 xa están xubilados ou mortos, explican este paulatino descenso de retornos.

Crises graves como a que viviu Arxentina a principios desta década, a inestabilidade política e social que caracterizan a países como Venezuela ou Cuba e as últimas reformas lexislativas acometidas en Suíza para favorecer o retorno dos emigrantes xubilados explican algúns dos picos que experimentou este fenómeno na última década.

Desde 2003, con todo, o fluxo de emigrantes galegos non deixou de caer e fíxoo nas catro provincias. Dos 4.385 galegos retornados en 2008, o 42,5% -un total de 1.864- volveu á Coruña, outros 1.350 a Pontevedra, 844 a Ourense e só 327 a Lugo. Os sindicatos apuntan que detrás desta tendencia á baixa tamén se esconde o final dun ciclo, que coincidiu coas xubilacións do groso dos emigrantes galegos. Pero tamén o vinculan á falta de incentivos para o retorno e a requisitos que cualifican de "restritivos", sobre todo, á hora de acceder a pensións asistenciais e ás axudas de Xunta e Goberno para o retorno. "Hai normas de retorno abusivas, como o requisito de acreditar 10 anos de vida laboral en España para poder acceder como retornado a unha pensión non contributiva. Quen se vai a vir aquí con 80 anos, unha pensión arxentina de 70 euros ao mes e sen ter nin sequera dereito a medicamentos gratis?", explica Martínez.

Os sindicatos, con todo, avisan de que o fenómeno migratorio "aínda non tocou fondo en Galicia" e cren que a medio prazo a cifra de retornados pode volver crecer se cambian as circunstancias nos seus países de acollida.

O perfil do emigrante retornado tamén empeza a cambiar. Se o "retorno natural" e por definición adoitaba referirse a emigrantes que xa alcanzaran a idade de xubilarse, agora o fenómeno esténdese a descendentes de primeira e segunda xeración. Son os chamados "falsos retornados", xente sen vínculos con España e que normalmente nunca estivo no país pero que polas súas orixes familiares teñen dereito á nacionalidade.

Por unhas causas ou por outras, a realidade é que o fluxo de retornados leva cinco anos caendo e a pesar das previsións do Goberno central, parece que seguirá sendo así. Tras a inclusión no ano 2008 dunha disposición adicional na lei de memoria histórica para ampliar a nacionalidade aos netos de exiliados, prognosticouse unha auténtica avalancha de solicitudes xa que o Goberno calculaba que en todo o mundo habería 1,5 millóns de potenciais beneficiarios. Con todo, a medida non tivo as repercusións previstas, como recoñecen fontes do Ministerio de Traballo e Inmigración. E é que ata o pasado mes de xuño só se aprobaron 26.000 solicitudes.

Xurxo Martínez atribúe este fracaso ás "restricións" temporais introducidas na norma, que só recoñece o dereito á nacionalidade a aqueles netos ou fillos de españois que saísen do país entre os anos 1936 e 1955.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas