GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A Xunta celebrará en Galicia a finais de setembro o Consello de Comunidades Galegas

(23/02/2023)

A Xunta celebrará en Galicia a finais de setembro o Consello de Comunidades Galegas

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, no que se estableceron os relatorios que serán obxecto de traballo neste encontro e que estarán centrados nos eidos da galeguidade, a cultura, o ámbito social e o retorno. 

 

A reunión permitiu coñecer o informe da actividade da Secretaría Xeral da Emigración durante o 2022, destacando as de promoción do Xacobeo e a participación no VI Día da Galicia Exterior.

 

Ademais, o responsable deste departamento autonómico tamén degrañou cos e coas membros da Comisión o orzamento da Secretaría Xeral da Emigración para 2023, que incrementou as súas contas nun 16,28%, así como os programas que se desenvolverán nestes próximos meses.

 

O pleno do XIII Consello de Comunidades Galegas reunirá a máis dun cento de representantes de entidades galegas de todo o mundo

O pleno do XIII Consello de Comunidades Galegas reunirá a máis dun cento de representantes de entidades galegas de todo o mundo

 

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023.

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado da subdirectora xeral de Relacións coas Comunidades Galegas, Isabel Martínez Pellicer, presidiu a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas durante a cal anunciou as datas e o lugar onde se vai a celebrar este ano este encontro que reunirá a máis dun cento de representantes de entidades galegas de todo o mundo.

 

Galicia volverá ser o lugar elixido para a celebración do pleno do XIII Consello de Comunidades Galegas que se desenvolverá do 21 ao 24 de setembro. Ao longo deste encontro aprobaranse diversos relatorios que centrarán as xornadas de traballo. Os debates estarán centrados nos eidos da galeguidade, a cultura, o ámbito social e o retorno.

 

Deste xeito, máis dun cento de representantes de entidades galegas espalladas por todo o mundo reuniranse para analizar a situación da colectividade galega do exterior e as súas necesidades, así como o papel da Xunta no apoio a estes centros para a promoción da cultura e lingua galegas no mundo, nunha cita, que se celebra cada tres anos desde hai máis de tres décadas.

 

As anteriores convocatorias dos Consellos de Comunidades Galegas tiveron lugar en Cuba, Galicia, Arxentina e Uruguai.

 

Un orzamento que crece un 16,28% máis

 

Durante a reunión de hoxe presentouse a memoria de actividades e axudas do pasado ano, agradecendo o secretario xeral a colaboración de todas as entidades na difusión e promoción do Ano Santo Xacobeo. Tamén destacou o responsable deste departamento autonómico o éxito do VI Día da Galicia Exterior que se levou a cabo en xullo de 2022 e que permitiu que 1.000 galegas e galegos do exterior pertencentes a 30 entidades acudiran a Santiago de Compostela para mostrar á sociedade galega o traballo que realizan en prol da nosa cultura.

 

Antonio Rodríguez Miranda fixo ademais fincapé na aprobación o pasado ano da Estratexia Galicia Retorna, que destina 100 medidas a facilitar o retorno das e dos galegos do exterior a Galicia ata 2026.

 

O secretario xeral da Emigración aproveitou o encontro para degrañar, xunto ás e aos membros da Comisión Delegada, o orzamento deste departamento para 2023, destacando o incremento das contas nun 16,28%, así como os programas que se desenvolverán nestes próximos meses.

 

Neste senso, recordou que Emigración está a destinar este ano 19,4M€ a todas as súas políticas, tanto de apoio ás e aos emigrantes e centros galegos do exterior, como ao retorno. A esta cantidade deben sumarse os 7,5 millóns de euros que se destinarán aos novos programas de formación, incentivos á contratación e fomento do emprendemento por parte das e dos emigrantes retornados, que completarán as contas ata chegar aos 27M€.

 

“Aínda que as políticas retorno son as que presentan un incremento máis notable no orzamento”, tal e como explicou Miranda, “as actuacións focalizadas no apoio aos galegos e galegas que permanecen no exterior continuarán a redobrarse, en especial ante a grave crise social e económica que sofren algúns países con forte presenza galega”.

 

Rodríguez Miranda trasladou tamén ás e aos membros da Comisión Delegada que se manterá o apoio ás comunidades galegas para o seu funcionamento cotiá, o desenvolvemento das actividades culturais e para coidar as súas infraestruturas e adquirir equipamentos, retomándose os programas que se viron afectados pola pandemia dirixidos aos galegos e galegas do exterior para facilitar o contacto con Galicia e o reencontro cosas súas familias, como poden ser Escolas Abertas ou Conecta e Reencontros. 

 

A Comisión Delegada

 

A Comisión Delegada é o órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da Comunidade e está conformado por doce entidades electas, catro representando aos galegos e galegas de América e do resto do mundo, catro que representan a Europa e outras catro que representan ás e aos galegos que residen nas comunidades autónomas españolas. A estas hai que engadir as entidades que teñen o carácter de membros natos por contar con máis de 20.000 persoas asociadas.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas