GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O especial “Historias de ida e volta” comeza o 2023 documentando a creación da Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela

(28/01/2023)

O especial “Historias de ida e volta” comeza o 2023 documentando a creación da Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela

Este especial é un proxecto web realizado pola Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, que ofrece fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos anos centrais do século XX.

 

Pazo de Fonseca, sede da Biblioteca América

Pazo de Fonseca, sede da Biblioteca América

 

Listen to this page using ReadSpeaker
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023.

 

O especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, comeza o 2023 documentando a creación da Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela

 

Inaugurada en 1926, o seu esforzo traduciuse en recompilar todo tipo de obras científicas e literarias latinoamericanas para crear un gran fondo documental que, aínda a día de hoxe, constitúe un importante legado para a cultura do noso país. Sobre as arelas de Gumersindo Busto e o proceso de organización da Biblioteca América afonda o novo especial de "Historias de ida e volta", proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración. A entrega consta de vinte documentos e imaxes nas que se poden ver o acto da súa inauguración, o primeiro número do seu boletín ou a portada do primeiro catálogo cos seus fondos.

 

Gumersindo Busto dedicou gran parte da súa vida ao desenvolvemento da Biblioteca América, unha iniciativa coa que o filántropo compostelán buscaba contribuír ao progreso educativo e cultural da súa cidade natal. 

 

“As remesas dos e das emigrantes galegas contribuíron á modernización social, política e económica de Galicia”, comeza o especial, que subliña como era frecuente que chegasen desde América “cuantiosas doazóns para a construción e o mantemento de centros educativos e culturais”. A entrega número 25 de "Historias de ida e volta" pon o foco no legado cultural dun deses emigrantes, Gumersindo Busto, quen, a comezos do século XX, promoveu un proxecto para a creación dunha universidade hispanoamericana en Santiago de Compostela. Quería, deste xeito, “estreitar lazos entre América e España” nun momento en que a corrente rexeneracionista e a defensa do hispanoamericanismo predominaban na vida cultural e intelectual das colectividades emigradas alén mar, tal e como explica o especial. Porén, este proxecto inicial non chegou a concretarse e, finalmente, só se puido levar a cabo unha das partes que o conformaban: a creación da Biblioteca América.

 

Desde 1907 e ata a data da súa inauguración, o 26 de xullo de 1926, Busto afanouse en recoller obras e materiais “a través dunha extensa rede de delegados e comisións creadas para tal fin”, afirma o especial. Monografías, teses, xornais e revistas, coleccións de moedas e billetes, exemplares de fauna americana, bandeiras ou mapas, entre outros, forman parte dos fondos que comezaron a chegar a Santiago de Compostela na década de 1920. Baixo o título A Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela: o legado cultural de Gumersindo Busto, o especial recolle imaxes do día da súa inauguración, da portada do primeiro catálogo dos seus fondos ou da súa colección zoolóxica. Ademais, tamén se inclúen outras nas que se poden ver os membros e os estatutos da Comisión Protectora que Gumersindo creou en Bos Aires para difundir o ideario e os obxectivos que albergaba a fundación desta biblioteca.

 

O propósito de crear unha institución deste tipo non pode entenderse sen o ideal de cooperación entre os pobos hispanos que defendía o propio Busto e do que deixa constancia en ¿Qué es el Hispanoamericanismo?, artigo que pode lerse nesta entrega do especial. Esas arelas foron as que levaron ao filántropo a buscar a adhesión de institucións hispanoamericanas e de doantes particulares, polo que era frecuente que enviase cartas aos directores dos xornais daqueles países que consideraba de interese co fin de que desen a coñecer a súa obra. A imaxe que se amosa nesta entrega corresponde á carta remitida a La Correspondencia de Puerto Rico o 9 de maio de 1909. Xunto con ela, tamén se inclúe unha mostra da correspondencia que mantivo cos membros do profesorado da universidade compostelá que apoiaban o seu proxecto e as súas ideas americanistas, como, por exemplo, co decano da Facultade de Filosofía e Letras da USC José González Salgado.

 

O especial compleméntase cunha imaxe da revista Eco de Galicia que recolle a importancia que as e os galegos lle deron á iniciativa promovida por Gumersindo Busto; con outra do recoñecemento que lle outorgou a USC ao investilo doutor honoris causa; cun artigo da revista Galicia no que se expresa o pesar polo falecemento do filántropo, así como con outras fotografías máis actuais que amosan o Pazo de Fonseca, sede da Biblioteca América.

 

O proxecto Historias de ida e volta

 

O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial "Historias de ida e volta" para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En máis de 20 entregas documentáronse os procesos de saída e chegada, a vida social e cultural, etc., para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas