GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Afonso Eiré: “O relato que se fixo da emigración galega non é real; nós emigramos porque nos obrigaron”

(19/05/2022)

Afonso Eiré: “O relato que se fixo da emigración galega non é real; nós emigramos porque nos obrigaron”

 

A emigración galega foi “todo un drama que aquí non se contou’, ou para mellor dicir, estivo “mal contado”, apunta o xornalista e escritor galego Afonso Eiré, a modo de resumo dos máis de vinte anos que leva investigando para deixar reflectido nunha ‘gran novela’ o que foi e o que supuxo a emigración para Galicia. ‘Ausentes’, que viu a luz o pasado mes de abril, abrangue dun modo “global’ ese fenómeno social que marcou entre finais do século XIX e principios do XXI “non so aos que marchan, senón tamén aos que quedan”, afondando tanto nas causas que o orixinaron como nas consecuencias que ese “desgarro’ provocou no territorio e na poboación.

 

E. Fernández, Vigo

Crónicas da Emigración. 18/05/22 -

 

Alfonso Eiré

Afonso Eiré, ao carón dunha escultura en memoria da emigración, no porto de Vigo.

 

Afonso Eiré (A Laxe-Chantada-1955) asoma ao mundo da novela de novo cun relato dos que fan época; unha longa historia que bautizou co nome de ‘Ausentes’ (Editorial Hércules), coa que pretende contar en todas as súas vertentes o que en verdade foi a emigración galega, algo do que “non temos moito coñecemento”, asegura, e do que aínda hoxe se están a sufrir as consecuencias.

 

Ambientada en Castro Candaz (Chantada) –“un territorio literario inventado polo propio autor, pero “recoñecible”, apunta– a novela afonda no “desgarro” que a diáspora produciu nos cidadáns, facendo un retrato dos que saíron, así como dos pais, os avós, os fillos e das xentes que quedaron no lugar, que sufriron igualmente as consecuencias dese éxodo.

 

“Quixen resumila neste título porque a emigración non é un feito en sí mesmo, é tamén un sentimento que abrangue non só aos que marchan, senón tamén aos que quedan, aos da aldea”, aclara Eiré, coñecido como ‘Pucheiro’.

 

Concibida dun modo “global”,  ‘Ausentes’ recolle todo o proceso migratorio desde finais do século XIX ata principios do XXI, coa intención de deixar testemuña dos aspectos que o motivaron e das distintas etapas que o caracterizaron.

 

Porque “en Galicia, hai moitas emigracións”, asegura Eiré, e non teñen nada que ver os movementos dos primeiros tempos cos posteriores, nin tampoco os que levaron a boa parte da población cara a América cos que saíron para Europa ou mesmo para dentro do propio Estado.

 

Vinte anos investigando a emigración galega proporcionáronlle ao autor  datos e testemuñas de abondo como para estar en disposición de ofrecer nesta novela unha visión o máis axustada posible a un fenómeno que historicamente, sinala, quedou velado no tempo por falta de estudios, do que culpa, en parte, á Facultade de Historia da Universidade de Santiago. “Se dedicou a estudiar aspectos banais da nosa historia”, pero “para nada” o que ten que ver coa emigración, denuncia.

 

Cando comenzou investigar o fenómeno foi cando se decatou do problema. “Pensei que era fácil” topar documentación, pero cando foi “parroquia a parroquia e lugar a lugar” de Chantada “para ter unha idea” do que fora a diáspora, descubriu que “nos arquivos non había ningún dato” sobre o particular, di o escritor, nado na pequena aldea de Río Pedroso.

 

“Está ben” que os investigadores afonden na memoria histórica, sinala, pero “hai outra memoria que tamén hai que rescatar”, como é “a da emigración”, da que “non hai películas, non hai nada”, lamenta.

 

É por iso que hoxe en día, asegura, “non temos moito coñecemento” do que foi e do que supuxo a fuxida masiva de cidadáns cara ao exterior, o que repercute tamén, segundo sinala, no problema demográfico actual.

 

O estudio afianzouno na idea de que Galicia “non se entende sen a emigración”, pero tamén en recoñecer que hai algúns mitos que é preciso desmontar para evitar caer en erros do pasado. Por exemplo, o que asegura que o galego é un pobo emigrante ‘per se’ e de que “emigramos porque nos gusta, porque queremos”. O certo é que “nós emigramos desde sempre porque nos obrigaron”, matiza o escritor, quen chegou a outras conclusións como que “non emigra quen quere, senón quen pode”, que a historia da emigación galega “está mal contada’, xa que “o relato non é real’, porque non se vai “as causas fondas’ que a motivaron, e que o mito da Galicia pobre non é para nada certo.

 

Respecto ao primeiro punto asegura que non é o galego un pobo proclive a emigrar, senón que foron razóns “políticas” as que se agocharon tras os movementos emigratorios que se deron ao longo do tempo, como o que se desatou na época de Isabel II por mor da crise da seca e os cambios na xestión tributaria para recadar impostos.

 

Asimesmo fundamenta a súa teoría de que emigra quen pode nos estudios que el mesmo realizou para tratar de entender por que Chantada e Betanzos foron as zonas de Galicia donde más emigración houbo. Segundo explica, debeuse a que, en Chantada, estaba o Banco de Soto, “que promocionaba a emigración”, e en Betanzos, o de Etcheverría, “que facía o mesmo”. De aí que foran destas zonas, “as máis ricas”, de donde se partía, mentres os que vivían nas zonas máis pobres “non tiñan nin para emigrar”.

 

Cuestiona tamén o relato que se fixo ata o de agora da emigración galega, que di, “non é real”, xa que, a diferenza do que ocorreu en Italia ou Suiza –donde “había debate” sobre si a emigración “era boa ou non”–, hai cousas que en Galicia non se contaron, o que non deixou traslucir o verdadeiro drama que esconde o fenómeno migratorio na comunidade galega.

 

“Os galegos sustituimos aos escravos negros”

 

Por exemplo, non se contaba que nas viaxes a Arxentina no século XIX “morría o 25% dos que embarcaban”; que “os galegos sustituimos aos escravos negros” –eran “os mesmos negreiros que traficaban con escravos, case todos cataláns asentados na Coruña, Vilagarcía e Vigo, e utilizando os mesmos barcos” os que levaban aos galegos cara a América–; e que a xente esconde o seu sufrimento, porque “se empezas a pensar niso, non vives”. Máis ben, “tes que crer que fixeches o mellor e non fracasaches”, apunta, como xustificación desa maneira de afrontar o vivido na que se refuxian moitos dos protagonistas.

 

Pero el conserva testemuñas de persoas que, en “confianza’, son capaces de abrir o corazón, de chorar e expresar a dor e frustración que lles provocou ter que abandonar aos fillos e a familia en xeral. Algúns din que “se souberan o que ían pasar e os problemas que lles acarreaba iso aos fillos, non volverían marchar”.  Coñece casos de fillos que se criaron cos avós aos que lles costaba chamar pais aos propios pais, porque no nos recoñecían como tales. “Eu ódioos”, chegou comentarlle unha das entrevistadas.

 

Como tampouco se fala, engade, do alto índice de suicidios que desencadeou sobre todo nas avoas ás que os fillos lles quitaban os netos logo dun tempo vivindo con elas”. “Son destes dramas dos que non se fala”, remarca.

 

Mesmo cuestiona o papel que xogou a prensa na denuncia da emigración. “A Nosa Terra foi o único que se opuxo”, poido constatar.

 

Sobre o mito da Galicia pobre, que obriga a saída ao exterior, asegura que “non era así”. De feito, “no século XVIII, Galicia tiña tres veces máis habitantes que Cataluña, catro máis que Madrid e dúas veces máis que Andalucía”. Suiza tiña “a metade de habitantes” que Galicia e “era moito máis rural·. “Un século despois, [os galegos] fomos os negros que levantamos Suiza”, apunta. Ademais, é nese século “cando se fan a maioría das igrexas e dos pazos”, do que se desprende que “unha sociedade que fora pobre non podería facer iso”.

 

Están tamén os que emigraron por causa da construcción dos encoros, como o de Belesar –que deixaron moitos lugares asolagados– e que quedaron orfos de recordos, porque “os outros emigrantes aínda volven e teñen a súa aldea, pero nós volvemos e non temos nada, solo auga”, lle comentan.

 

E que dicir dos próceres, “dos que non se sabe nada”. Todo o máis que se sabe de García Barbón en Vigo, por poñer un exemplo, é que “hai un teatro con ese nome”, pero da súa historia “non se sabe nada”, como tampouco da de López de Neira ou da de Ramón Nieto.

 

O drama das mulleres ás que se obrigou a prostituír e a dos que botaban pola borda antes de chegar a porto tamén quedou no olvido, así como as historias dos indianos, que volvían ricos e desprazaban das terras aos labregos que levaban tempo traballándoas –como ocorreu con Emilia Pardo Bazán no pazo de Meirás–, ou a das costureiras galegas que montaron todo o sistema de confección en Bos Aires.

 

A emigración tamén deixou aspectos positivos, recoñece ‘Pucheiro’, porque “trouxo a modernidade, os avances”, e diso tamén deixa testemuña no libro, que, como el mesmo dí, pretende abranguelo todo.

 

Unha historia con personaxes inventados, pero con datos certos

 

Galicia estaba necesitada dunha ‘gran novela’ sobre a emigración que algúns intelectuais encargaron a Afonso Eiré hai máis de vinte anos, convencidos de que era a persoa idónea para acometer o relato. Pero o escritor resistiuse entón, consciente de que un proxecto desas características requiría dun profundo traballo de “investigación”.

 

Ocupado no cargo de director de ‘A Nosa terra’ –“Tiña moito traballo” nese momento, asegura– pospuxo entón o encargo ata cumprir os 65 anos, pero entre medias foi investigando e sacando datos para as reportaxes que realizou como xornalista.

 

Os seus recordos da emigración alcánzanlle ata a etapa de cando era un rapaz na aldea en Río Pedroso, donde “non houbo casa da que non se emigrara”. Por iso, nesa zona de Chantada foi donde máis ‘bebeu’ para documentarse e entresacar personaxes e historias que deixa reflectidas no seu libro, no que non faltan a persoa que emigra a Arxentina e retorna co ‘corralito’, o que vai cara a Venezuela e triunfa e a familia que vai con rumbo a París, da que se desmarca un fijo, que marcha a Suiza.

 

A maioría dos personaxes son inventados, pero os datos que se ofrecen son reais, para axudar aos lectores a facerse unha idea do que foron aqueles tempos oscuros e a profundizar na crúa realidade dun fenómeno aínda por coñecer.

 

 “Se falo do menú que lles daban no Santa María indo de aquí a Venezuela, ese menú era real, e se digo o que costaba o billete, tamén é real”.

 

Tamén introduce anécdotas de personaxes reais que serven para engadir verosimilitude ao relato.

 

Con ‘Ausentes’, Eiré vai ao “fondo da cuestión”, pretende ofrecer una “visión global” e contar a parte “que nunca se contou” porque el vai “aos porqués e aos sentimentos” que xenerou a emigración. Tamén o retorno, que ocasiona serios  conflictos personais, sobre todo aos maiores, ao ter que decidir moitos deles entre volver ao seu lugar de orixe ou permanecer no país de acollida no que xa tomaron asento os seus descententes.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Outubro 2022
LMMeXVSD
     12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31      



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas