O movemento da cidade cara ao rural e a marcha de persoas estranxeiras provocou que, despois de seis anos de crecemento continuado, Pontevedra vexa minguado o seu censo municipal. Concretamente, a Boa Vila ten un total de 84.082 veciños, 748 menos que a finais de 2020, segundo os datos do padrón facilitados polo Concello. A administración local informa, con todo, que esta non é a cifra definitiva do padrón, que se coñecerá de face a marzo ou abril, tras as pertinentes negociacións co Instituto Nacional de Estatística (INE), xa que faltan por incluír datos de natalidade dos meses de novembro e decembro de 2021 –os datos de falecementos si que están actualizados–.

 

Pontevedra volve a cifras similares ás dos anos 2017 e 2018, nos que o censo reflectía un total de 83.935 e 84.197 habitantes, respectivamente. Desde o ano 2000, a cifra de habitantes a beiras do Lérez sempre crecera dun exercicio a outro excepto en dúas ocasións: En 2015 (pasou de 83.470 a 83.407 habitantes) e en 2013 (pasou de 83.534 a 83.368). A deste exercicio é, por tanto, a terceira vez que a cidade perde veciños nas dúas últimas décadas, pero é ademais a maior caída de todas, con 748 persoas menos que en 2020, que foi o ano no que se fixou o teito histórico de poboación, con 84.830 veciños.

 

Segundo fontes municipais, a principal causa desta caída no padrón é a marcha de poboación estranxeira, sen confirmar se foi para volver aos seus países de orixe ou se estableceron a súa residencia noutros municipios galegos ou españois.

 

 

Os datos do padrón municipal reflicten que o crecemento vexetativo segue sendo negativo, é dicir, hai máis falecementos que nacementos. No último ano rexistráronse un total de 717 defuncións e 470 nacementos (a falta de incluír os datos dos meses de novembro e decembro de 2021). A diferenza negativa é a segunda máis alta da década, só superada en 2020.

 

En canto á poboación por parroquias, apréciase unha lixeira tendencia á alza do rural con respecto á cidade, algo que pode estar directamente relacionado coa pandemia de COVID. Un total de 64.181 persoas viven no núcleo urbano de Pontevedra (797 menos), o 76,23%, mentres que 19.901 viven no rural (49 máis), o 23,77%.