GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Falece Isaura Abelairas, portavoz de Emigración e Retorno do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

(04/06/2021)

Falece Isaura Abelairas, portavoz de Emigración e Retorno do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia


Crónicas da Emigración

Redacción, Vigo | 3 de xuño de 2021,

 

Isaura Abelairas Rodriguez
Isaura Abelairas Rodríguez.


A deputada socialista galega Isaura Abelairas Rodríguez faleceu na madrugada deste xoves despois de catro anos loitando contra o cancro. Abelairas Rodríguez, natural do municipio lucense de Taboada, era, desde hai un ano, portavoz de Emigración e Retorno do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, departamento no que neste tempo non realizou un labor moi destacado, debido ao avanzado da súa enfermidade e á situación provocada polo Covid-19, que paralizou en boa parte a actividade parlamentaria. Con todo, en outubro do pasado ano elevou á Mesa do Parlamento unha batería de preguntas para a súa resposta por escrito respecto aos galegos no exterior e ao retorno. En concreto, interesábase polo número de galegos residentes no estranxeiro por países, pola cifra de retornados, onde se radicaban ao regresar a Galicia e que actividades desenvolvían; polos recursos da Estratexia Retorna 2020 que se investiron por provincias, e polo censo de persoas residentes no exterior que se podían acoller a estas axudas. Tamén inquiriu a achega do nivel de efectividade desta Estratexia desde a súa implantación, en 2018, e interesouse por coñecer se ía ter continuidade.

Outro dos asuntos sobre os que preguntaba era polas medidas que se estaban adoptando desde a Xunta para atender á xeración que emigrou a Europa tras a última crise económica e por aproveitar o seu talento.

Por último, quería saber o número de galegos que emigraron a Europa desde 2011 e como ía influír o Brexit na situación da cidadanía residente no exterior.

Mestra de profesión, Abelairas entrou hai dúas décadas en política municipal e ocupou o posto de concelleira no Concello de Vigo onde obtivo responsabilidades nas áreas de Limpeza e Festas, Servizos Exteriores e Vías e Obras, Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística e de Benestar Social. Tamén foi deputada provincial de Pontevedra e fai tres anos, con Carmela Silva á fronte do organismo, ocupouse do departamento de Igualdade da Deputación.

A morte chegoulle a piques de cumprir os 70 anos, pero Isaura nunca se derrubou. En entrevistas concedidas á prensa tras coñecer a grave enfermidade que padecía, sempre se mostrou optimista e disposta a loitar.

Numerosas foron as mostras de pesar que se sucederon tras coñecerse o seu falecemento. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, escribiu na súa conta de Twitter: “Deixounos unha gran amiga e compañeira, a miña querida Isaura, sempre socialista e feminista, optimista e loitadora ata o último momento”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestou o seu pesar pola morte da deputada e exconcelleira socialista e chamou a honrar a súa memoria, porque “foi unha gran muller, unha gran cidadá e unha gran viguesa”, dixo, e destacou dela que “era unha muller cun corazón inmenso, cunha extraordinaria visión do social”.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas