GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Mondoñedo homenaxea a Andrea López Chao e a Manuel García Olano

(31/05/2021)

Mondoñedo homenaxea a Andrea López Chao e a Manuel García Olano

 

Ela foi mestra feminista en Cuba e el presidiu o Centro Gallego de Buenos Aires

 

Retrato de Andrea López Chao

Retrato de Andrea López Chao

 


30/05/2021

 

Mondoñedo homenaxeará o 12 de xuño a dous dos seus emigrantes máis ilustres e solidarios. A primeira, Andrea López Chao, mestra, directora do centro de ensino do Centro Galego da Habana, primeira muller vicepresidenta de Fillas de Galicia e pioneira feminista no I Congreso Feminino de Cuba en 1923. O segundo, Manuel García Olano, presidente do Centro Gallego de Buenos Aires e creador dunha Bolsa de Traballo que ocupou a máis de 1.400 paisanos. Se hai algo transversal e que suscita unanimidades son os dereitos e a dignidade da muller e o emprego e a ocupación. Aos promotores do acto ?o alcalde, Manuel Otero, e a súa antecesora, Elena Candia- non parece faltarlles olfacto, nin solidariedade, nin sensibilidade social e cultural…

 

Andrea naceu en 1874 en Mondoñedo e morreu na Habana en 1954. Era filla de Antonio López Reimóndez e de Francisca Chao Rodríguez e irmá de Vicente e de Samuel López Chao. Este último, nacido en 1871, foi neno de coro, frauta, clarinete, violinista, tenor e salmista da Catedral. casou en 1898 con Pascuala Díaz Lodeiro, morreu en 1910 e tivo tres fillos: Aurora, María e Jesús López Díaz (1899-1982), tamén neno de coro e frauta da capela de música da Catedral e empregado da Imprenta de Edesio Mancebo da que chegou a ser propietario.

 

Samuel, Segunda e Fernando

 

Jesús López Díaz casou con Ramona González Lorenzo coa que tivo tres fillos que hoxe viven, entre o xeneral aprecio, en Mondoñedo: Samuel (casado con Teresa Otero Lombán), Segunda (con Pascual Ares Robles ) e Fernando López González (con Josefa Cruz Sánchez). Fernando ?fonte, con Andrés G. Doural, destes datos- é o filántropo que doou hai pouco de modo altruísta o Museo da Imprenta que, individualiza e distingue a Mondoñedo en Galicia e España.

 

Andrea L. Chao foi mestra en Paradabella (Fonsagrada) e Lindín, Couboeira e Viloalle (Mondoñedo). En 1904 gañou a praza de directora do colexio do Centro Galego da Habana cun soldo de 75 pesos ouro mensuais. En 1924, ela mesma propuxo que o centro levase o nome da ilustre penalista ?“cada escola que se abre é un cárcere que se pecha”- e escritora galega, Concepción Arenal. Foi directora polo menos ata 1947 segundo informa o Diario da Marina do 23 de xullo dese ano.

 

O cadro de persoal creouse en 1880 para atender a 109 alumnos. En 1890 eran 1.464 e en 1904, ao chegar Andrea, tiña 3.000 alumnos matriculados. O centro durou ata 1961 en que foi expropiado polo castrismo. Sempre destacou pola calidade e moderna pedagoxía do seu equipo docente onde destacaron Vicente Fráiz Andión, Núñez Sarmiento, Elisa Losada ou Andrea L. Chao. Miles de fillos de galegos e moitos emigrantes formáronse nas súas aulas onde se impartía ensino primario, media, Comercio, Taquigrafía, Corte e Confección, Belas Artes e Música.

 

Olano creou a farmacia do centro galego e unha oficina que ocupou a 1.400 paisanos

 

O outro homenaxeado o día 12 será Francisco García Olano. Naceu na rúa da Ponte en Mondoñedo en 1870 e morreu en Buenos Aires en 1933. Era fillo de Venancio García, de Quireza (Cerdedo) e de Guadalupe Olano, de Villalba. O seu pai era un canteiro que casou en Villalba e aveciñouse en Mondoñedo por traballo. Un fillo seu, irmán de Francisco, foi alcalde de Villalba.

 

García Olano emigrou a Buenos Aires en 1887 e foi comerciante de éxito e respecto. En 1905, cando un grupo de galegos fundou o Banco de Galicia, foi elixido síndico para coidar os intereses dos accionistas. Logo pasou a formar parte do goberno dunha entidade que hoxe é o maior banco comercial privado do país e está en mans de descendentes da familia galega Escasany e das arxentinas Ayerza e Braun Menéndez.

 

O mindoniense foi presidente do Centro Gallego de Buenos Aires de 1923 a 1926. No seu mandato, creou a Farmacia Social, incrementou os socios de 9.818 a 16.076 e creou unha Oficina de Traballo para axudar a emigrantes que chegaban desprotexidos. En só dous anos, deu traballo a 1.400 paisanos.

 

Adquiriu tamén seis leiras lindeiras co edificio do Centro Galego para ampliar as súas instalacións e servizos e o terreo no que se asenta o panteón social na Chacarita.

 

García Olano -uno dos mellores presidentes da historia do Centro Galego que deixou un superávit de 287.197 pesos- foi o encargado de recibir o histórico voo do avión Plus ultra en 1926 que enfervorizó á colectividade e deulle autoestima e supremacía fronte a outras colectividades. Ata o presidente arxentino, Marcelo T. Alvear, fíxose socio do Centro Galego.

 

Pediu un cambio de rol da muller na familia e a sociedade

 

Andrea López Chao (1874-1954) casou co mindoniense Santiago Ares Cabanillas (1873-1912) co que tivo dous fillos: Aurelio, casado con Estela Freijo, morreu en 1969 sen fillos; e Óscar, unido a unha irmá da anterior, Graciela Freijo Valdés, morreu en 1945 e tivo tres fillos, Isabel, Sergio e Óscar.

 

Andrea enviudó con 38 anos e dous nenos de 8 e 9 anos. Seguiu á fronte do colexio do Centro Galego e participou en movementos de vangarda que xerminaban en Cuba. Así, tomou conciencia do que denunciaba a feminista Hortensia Lamar: «Unha fonte abastecedora da prostitución é a inmigración. A española que vén honrada a traballar e reunir diñeiro para mandar á súa aldea. Moitas sucumben na travesía e outras aquí, onde as sociedades rexionais non lles dan protección algunha. A maioría é explotada por paisanos, curmáns ou o noivo. E así vai rodando á abxecta escravitude».

 

Desde a súa orixe, o Centro Galego funcionaba ao redor dos homes e excluía dos seus servizos ás mulleres. Xornalistas como o barreirense J.R. Somoza, Blanco Torres ou Mercedes Vietto denunciaron esa situación e a marxinación étnica e de xénero da muller. Andrea sumouse a esa loita e participou, xunto a Solidariedade Pontevedresa, na creación en 1917 de Fillas de Galicia para axudar ás desamparadas emigrantes que adoitaban traballar de criadas, sen dereitos, mal pagas ou guindadas á prostitución.

 

O seu primeiro dirixente foi Avelino Pérez Vilanova. E da Mariña foron tres os presidentes: Luis Cotarelo Reinante (1933-1935), de Ribadeo ; o riotortense Antonio Bouso (1942-1944 e 1946-1949) e Luís Fernández Albo, de Viveiro, (1949 ? 1951).

 

Desde os seus inicios, os homes gobernaban Fillas de Galicia. Pero en 1919 reformouse o Regulamento para dar entrada a mulleres e a primeira en facelo, como vicepresidenta foi Andrea. En 1924, a sociedade abriu o Hospital Concepción Arenal e en 1938 a súa Balneario. Non houbo sociedade de mulleres igual no mundo. Cando foi intervida pola ditadura castrista era a de maior número de socias do país: 101.057.

 

Na súa representación, e polo respecto social que tiña, Andrea foi elixida para intervir no I Congreso Feminino de Cuba en 1923. Andrea denunciou os abusos; defendeu a familia como base de rexeneración social por medio da educación e a tradición; e demandou un cambio radical do rol da muller na familia e na sociedade para ser eixo transformador de ambas as na procura dunha sociedade mellor.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Setembro 2021
LMMeXVSD
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930   
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas