GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O ano do covid acaba coas subidas do padrón de ourensáns no exterior

(23/03/2021)

O ano do covid acaba coas subidas do padrón de ourensáns no exterior


Galicia Fiesta mexicana en Avión web

Festa mexicana en avión. Foto Martiño Pinal


A Rexión Internacional 22/03/2021

 

A pandemia do covid, que mudou tantas cousas ao longo do planeta, conseguiu tamén acabar cunha tendencia que parecía imparable desde que o Goberno facilitase a adquisición da nacionalidade aos descendentes da emigración. Así, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o Padrón de Españois Residentes no Exterior (PERE) reflicte que, por primeira vez desde que hai rexistros, os rexistrados coa provincia de Ourense como referencia sofren unha caída na comparativa interanual, pasando dos 114.134 que había ao 1 de xaneiro de 2020 aos 113.929 do arranque do presente ano, o que non impide que sigan sendo case un 20% dos que había fai unha década.

Motivos

 

A perda de ourensáns no exterior prodúcese tras esborrallarse a tramitación de novas inscricións á metade das que houbo ao longo de 2019, dado que caeron de 3.488 a 1.755. Neste apartado, si que non cambia a tendencia que se aprecia desde que se abriu a man para obter a nacionalidade española, con apenas o 12,5% dos rexistros no padrón de persoas que naceron nalgún dos 92 concellos da provincia, cos restantes sendo oriúndos xa do país en que figuran rexistrados.

Isto, que se repite todos os anos, leva a que no padrón de españois no estranxeiro figure que xa só un de cada catro ourensáns tivese a súa orixe na provincia, mentres que hai unha década eran máis do 36%. O envellecemento entre os ourensáns empadroados no estranxeiro é notable, dado que se se ten en conta o peso dos rexistrados con orixe en Galicia con máis de 65 anos, estes representan máis do 71% do total.

Onde?

 

A colonia ourensá ten como destino preferente Sudamérica, onde están rexistradas 88.393 das 113.929 persoas, con Arxentina como país con máis representantes, por encima dos 32.000. Séguenlle Cuba (13.628), Brasil (11.328) e Venezuela (10.005).

Europa, pola súa banda, tamén foi destino habitual dos emigrantes ourensáns. O país do vello continente con máis empadroados é Suíza, con 9.505. Destacan tamén Francia e Alemaña, rozando os 6.000. Fóra de América e Europa, en Oceanía hai rexistrados 423, en Asia 199 e en África 110, recolle o INE.

Consecuencias

 

O aumento do padrón de ourensáns no exterior, coa excepción deste ano aínda que cunha caída mínima, deixa tamén fenómenos curiosos como o que xa se constata en cada unha das convocatorias electorais para elixir as Cortes ou o Parlamento de Galicia, cunha ducia de concellos que teñen máis xente rexistrada noutros países que veciños no padrón local. O despoboamento e o problema demográfico, as causas.

A clasificación da maior diferenza encabézao Avión, con 1.469 persoas máis no PERE e tamén están nesa situación Bande (921 máis), Boborás (590), Gomesende (446), Verea (324), Arnoia (281), Beariz (200), Quintela de Leirado (158), Cortegada (118), O Bolo (50), Ramirás (29) e Chandrexa de Queixa (25).

Rairiz de Veiga, Castro Caldelas, Montederramo, A Mezquita, San Xoán de Río, A Teixeira e A Bola aínda resisten con máis veciños empadroados na provincia, pero asómanse ao escenario de ter máis xente no exterior, xa que a diferenza está por baixo do centenar.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas