O acordo, que conta cunha dotación de 6.000 euros, permitirá ao colectivo seguir a ofrecer información e asesoramento gratuítos ás e aos emigrantes que volven a Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2020.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de renovar a súa colaboración coa Asociación de Emigrantes Retornados Ulla-Umia (AERU) no seu obxectivo de prestar servizo ás e aos emigrantes que regresan á comunidade. O convenio, asinado polo responsable autonómico e o presidente do colectivo, Celso Domínguez Búa, permitirá á entidade seguir prestando un servizo gratuíto de información e asesoramento a todos os galegos e galegas que volvan a Galicia.
A Secretaría Xeral da Emigración contribúe tanto economicamente, cunha achega de 6.000 euros, como aportando a información necesaria ao labor de asesoramento e seguimento das e dos emigrantes e o seus e as súas descendentes que regresan cada ano á comunidade autónoma que leva a cabo a asociación de persoas retornadas asentada no concello pontevedrés de Caldas de Reis.
Os servizos que presta a asociación abarcan tanto a información e o asesoramento en materia de retorno no senso máis amplo como as solicitudes aos diferentes organismos oficiais galegos, españois e estranxeiros da documentación necesaria para solicitar diferentes prestacións, subsidios e axudas asistenciais.
“Esta colaboración cobra especial relevancia nun momento no que as cifras de retorno a Galicia están a resultar moi positivas. No último ano case 7.000 galegos volveron á nosa terra”, salientou Miranda, quen puxo en valor que máis do 80% destas e destes retornados teñen menos de 65 anos.