GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A Xunta volve reclamar que se conten como válidas as solicitudes de voto CERA formuladas para o 5-A

(03/06/2020)

A Xunta volve reclamar que se conten como válidas as solicitudes de voto CERA formuladas para o 5-A


Santiago | 02 Xuño 2020 - Crónicas da Emigración


A Xunta remitiu á Xunta Electoral Central (JEC) un documento con alegacións referidas ao voto por correo e protocolos de votación para as eleccións do próximo 12 de xullo. Nese documento, a Xunta insiste en que se entendan como válidas as solicitudes do voto CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes) formuladas para as eleccións do 5 de abril, do mesmo xeito que se fixo coas eleccións xerais do 10 de novembro de 2019.

Esa mesma petición formuláraa o Goberno galego o pasado 27 de maio. Con todo, a JEC, na súa reunión do pasado 28 de maio, acordou que os galegos no exterior que solicitaron o voto para participar nos comicios autonómicos do pasado 5 de abril deberán realizar o trámite de novo para poder votar o 12 de xullo.

A Xunta Electoral Central respondeulle entón á Xunta que “non procede adoptar acordo”, xa que a petición foi “retirada” nesa sesión pola Oficina do Censo Electoral.

O Goberno galego presentou a solicitude en ausencia de resposta da Xunta á petición formulada o pasado 25 de marzo pola Oficina do Censo Electoral e nela lembráballe a “especial dificultade que existe para exercer o dereito ao sufraxio no exterior”, tal e como lle viñan poñendo de manifesto nos últimos días á Administración galega a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos e o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.

Outras demandas da Xunta

Outra das principais demandas da Xunta, respecto ao proceso electoral, é que se acepten como válidos o sistema autonómico Chave365, así como o sistema cl@ve, para poder solicitar o voto por correo de forma telemática a través da páxina web de Correos.

A semana pasada a Xunta Electoral Central aceptaba a petición da Xunta de que se puidese solicitar de forma telemática o voto por correo e especificaba que debería facerse a través da páxina web de Correos –aínda está pendente de ser habilitado– e mediante un sistema cualificado de firma ou selo electrónico. A Xunta entende que debe admitirse tamén como método de identificación válido o sistema autonómico Chave365 e o sistema cl@ve da Administración do Estado, en tanto ambos son usados por moitas persoas. En concreto, hai 200.000 persoas usuarias do sistema Chave365.

Habilitar ambos os mecanismos facilitaría o voto de todas as persoas que xa usan estas fórmulas, tendo en conta ademais que, pola situación actual, pode resultar máis dificultoso que as persoas se acrediten nun novo sistema de firma electrónica, que require de cita presencial nunha oficina habilitada para o efecto.

A Xunta ofrece a súa total colaboración a Correos para implementar os mecanismos técnicos necesarios para utilizar o sistema de firma electrónica Chave365.

Ademais, na súa comunicación á JEC, a Xunta reiterou a súa petición de establecer un protocolo específico de voto por correo para os centros de maiores, similar ao que se emprega en centros penais. Desta forma, os directores e xerentes das residencias poden solicitar que un funcionario se  desprace cos impresos de solicitude necesarios para que sexan cumprimentados alí mesmo polos usuarios que queiran votar. Posteriormente, o funcionario de Correos entregaría persoalmente os sobres  e papeletas as persoas que o solicitasen que, á súa vez, farían entrega do seu voto de forma persoal. O persoal de Correos encargaríase de facelos chegar ás mesas correspondentes.

Do mesmo xeito, a Xunta demanda que se habilite tamén un protocolo específico para as persoas maiores de 65 anos, con síntomas, en illamento domiciliario, en corentena ou hospitalizadas, de forma que, despois de solicitar o voto polos medios que se habiliten, sexa o funcionario de Correos o que se desprace aos seus domicilios para entregar a documentación e recoller o voto.

A Xunta tamén lembrou a súa petición de que se facilite o voto por correo por medio de apoderado a través da habilitación dun sistema de videoconferencia para que se poida realizar este procedemento a través da plataforma segura da que xa dispoñen os Colexios Oficiais de Notarios. Ademais, solicitan que as persoas maiores de 65 anos poidan empregar esta fórmula de voto sen necesidade de presentar o certificado médico que esixe a Lei Orgánica de Réxime Electoral.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Novembro 2020
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas