GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O Parlamento galego aproba resolucións a favor dos galegos en Venezuela e Reino Unido e para eliminar o voto rogado

(01/10/2019)

O Parlamento galego aproba resolucións a favor dos galegos en Venezuela e Reino Unido e para eliminar o voto rogado


Redacción, Santiago | 28 Setembro 2019 - Crónicas da Emigración


O Parlamento de Galicia aprobou o pasado día 25 unha serie de propostas do Grupo Popular e do Grupo Común da Esquerda que afectan o colectivo emigrante, desde o punto de vista social, económico e laboral, ademais de político. Asuntos como os que incumben aos galegos en Venezuela ou no Reino Unido tiveron eco durante o Debate sobre o Estado da Autonomía, celebrado a pasada semana, do que se derivaron tales propostas nas que tamén se reclama unha vez máis a eliminación do voto rogado e a implementación de políticas que apoien aos retornados, tanto no apartado académico como social e laboral.

O Parlamento someteu a votación un total de 57 puntos, dos cales, catro facían referencia aos asuntos relativos aos emigrantes. Así, na resolución 19, o Parlamento, a proposta conxunta de populares e socialistas, “reitera a súa solidariedade co pobo de Venezuela, ante a grave crise económica, política e social” que atravesa, –que derivou “na peor crise humanitaria da súa historia”, sostén– e de maneira especial “coas persoas galegas residentes no país”, ás que mostran o seu apoio “na defensa dos seus dereitos fundamentais”. Ante esta situación, os parlamentarios, con 58 votos a favor, 16 en contra e ningunha abstención, instan á Xunta a que reclame ao Goberno central “que actúe no ámbito das súas competencias” ante o Goberno de Venezuela “para facer posible” a garantía destes dereitos fundamentais.

No ámbito das súas competencias, a Xunta poñerá en marcha un programa de atención específico para atender a persoas galegas residentes en Venezuela, especialmente para facilitarlles as mellores condicións no momento do seu retorno se deciden instalarse en Galicia.

Galegos no Reino Unido

 

A situación de incerteza que acosa aos galegos no Reino Unido tamén foi abordada a pasada semana no Parlamento, que aprobou por unanimidade unha resolución do Grupo Común da Esquerda para instar á Xunta a adoptar “con carácter urxente” medidas concretas para paliar os efectos sobre a actividade económica, o emprego e os dereitos dos galegos no Reino Unido, ante unha posible saída deste país da Unión Europea sen acordo previo.

Entre as medidas que se deberán contemplar neste apartado están aquelas encamiñadas a facilitar o retorno e a ocupación dos traballadores galegos que teñan que abandonar o Reino Unido como consecuencia do Brexit, así como o asesoramento especializado para as persoas que se vexan afectadas nos seus dereitos de residencia. Ademais, contémplase prestar apoio aos sectores económicos que se vexan afectados para a procura de novos mercados e realizar as xestións necesarias ante o Goberno central e a Comisión Europea para garantir a continuidade da actividade da frota galega en augas territoriais do Reino Unido.

 

Eliminación do voto rogado

No que incumbe ao voto, e a iniciativa do Grupo Popular, foi aprobada por 41 votos a favor e 33 en contra, unha resolución para trasladar ao Goberno de España e aos grupos políticos representados no Congreso e no Senado a reforma, “por consenso”, da Loreg para que os residentes no exterior “poidan exercer o seu dereito ao voto coas mesmas garantías que os residentes no territorio español, eliminando a solicitude de voto e combinando todas as posibilidades de participación electoral que sexan posibles, así como simplificando o procedemento en beneficio da eficiencia e a axilidade”.

Apoio ao retorno

Unha última resolución relacionada cos asuntos que afectan á emigración foi aprobada tamén no Parlamento a proposta do Grupo Popular. Nela ínstase á Xunta e ao Goberno a que complementen a execución de políticas de fomento do retorno emprendidas polo Goberno galego con medidas para favorecer a “integración familiar e persoal das persoas retornadas”, no que incumbe á “homologación de títulos académicos” e a “redución dos trámites e axilización da concesión dos permisos de residencia e traballos dos cónxuxes e descendentes” que non posúan a nacionalidade española. A medida foi aprobada por 47 votos a favor, 14 en contra e 13 abstencións.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Outubro 2019
LMMeXVSD
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031   
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas