GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Un fillo da emigración a Suíza

(25/03/2019)

Un fillo da emigración a Suíza

 

En primeira persoa | «(...) Cambiaba unha idílica vida labrega en liberdade coa miña xente, que coñecía e entendía, por catro paredes na Steffisburg Strasse de Thun, onde a caseira me berraba (en alemán) porque mexaba no seu xardín o día que me deixaban saír. Por sorte, tiña de veciña a Giuseppina (...)», escribe Xoán Manuel Garrido Vilariño

 


24/03/2019

Eu son un fillo da emigración a Suíza nos anos sesenta e estou convencido de que estar exposto desde cativo a múltiples estímulos lingüísticos e culturais determinou a miña actividade profesional. En 1964, aló pola época de apañar as patacas, tróuxome ao mundo Arsilia Vilariño Velo no lughar da Ponte de Bértoa (Carballo) e na casa de meus avós maternos, Basilio e María. Meu pai, Manuel Garrido Vázquez, máis coñecido como Manolo O Ghallegho ou Lolo para a familia do barrio do Hospital, estaba facendo a mili na Coruña e disque o primeiro que preguntou foi se eu «era bonitiño».

 

En 1969 naceron as miñas irmás xemelgas María Jesús e María Belén en Thun (Suíza) a onde emigraran miña nai e meu pai para xuntaren diñeiro e construíren a casa no antigo enderezo da rúa Mirón, número 88 e, nese ano, tamén me levaron a min para aló, que quedara ao coidado da avoa María, do avó Basilio e dos meus tíos da casa. Pasei de bonitiño a anémico durante os primeiros meses da miña estadía helvética porque deixei de comer e o meu corpo reaccionou desa maneira ao brutal choque cultural ao que estaba sendo sometido: cambiaba unha idílica vida labrega en liberdade coa miña xente, que coñecía e entendía, por catro paredes na Steffisburg Strasse de Thun, onde a caseira me berraba (en alemán) porque mexaba no seu xardín o día que me deixaban saír. Por sorte, tiña de veciña a Giuseppina, unha nena da miña idade, filla de emigrantes napolitanos coa que fun da man no meu primeiro día de kindergarten e que me serviu de intérprete alemán-italiano até que eu me puiden defender na primeira lingua.

 

O italiano era a lingua vehicular da meirande parte de emigrantes galegos e miña nai falábao con soltura, pero había veces que non chegaba para relacionarse coa poboación autóctona e velaí me vexo facendo de intérprete (xa completamente alfabetizado na lingua do cantón) para mamá no espazo público de hospitais, comercios, escola, etcétera.

 

Mediador

 

Esta función de mediador era moi valorada por toda a comunidade bergantiñá que vivía na contorna e facíame ser útil, aínda que houbese veces que tiña que facer toda unha posta en escena. Lembro especialmente as miñas interpretacións mamá-Frau Würth (a nosa caseira) que non había día que non nos parase no descanso da escaleira para darlle á sen óso. Despois de varios fracasos de interlocución entre ambas, miña nai argallou que sempre me situase a súa fronte e á beira de Frau Würth para que eu lle fixese un xesto coa cabeza cada vez que ela lle tivese que asentir ou negar algo á boa da muller.

 

En 1973 viñemos os cinco en avión para pasar o nadal en Bértoa e o día antes de marchar de volta para Suíza, miña nai decide quedar aquí definitivamente connosco para coidar a seu irmán, Leonardo, que quedara parapléxico cando traballaba en Astano (Ferrol) e á miña avoa María que xa tiña párkinson. Pois aí me vexo en xaneiro de 1974 facendo unha fila para entrar no colexio Francisco Franco Bahamonde, actual Escola Fogar de Carballo, subindo unhas escaleiras polas que baixaba un idoiro de auga lamacenta e entrando nunha aula onde había uns corenta nenos. Este choque foi máis brutal ca o primeiro porque eu viña habituado a unha escola mixta onde non chegábamos a vinte, cun profesor e unha profesora na aula, con actividades extraescolares semanais de educación física nun ximnasio de verdade, de natación nunha piscina olímpica, e a miña favorita : hóckey sobre xeo en pista ou no río conxelado en inverno. Como en Suíza era español, a min parecíame que falaba español, pero en realidade falaba ghalhegho, e como só sabía escribir en alemán, suspendín castelán para setembro e non me quedaron máis porque os meus compañeiros de Verdillo, Sofán, Mazaricos, etcétera, me deixaban copiar.

 

Tamén me cambiou a vida na casa porque tiven que axudar nas tarefas do campo e da crianza dos animais, pero isto non me importou porque eran traballos en comunidade. Con estes procesos de adaptación lingüísticos e culturais aprendín a poñerme no lugar do outro e a desenvolver a miña capacidade de empatía cara aos demais, elementos necesarios para ser un bo docente e un bo tradutor.

 

Uns apuntes biográficos

 

Xoán Manuel Garrido Vilariño. Doutor en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo (2004). Licenciado en Filoloxía Románica-sección francés (1988) e Licenciado en Filoloxía Hispánica-sección galego-portugués (1991) pola Universidade de Santiago de Compostela. Catedrático de ensinanza secundaria no IES Politécnico de Vigo onde imparte as materias de Lingua e Literatura Galega, portugués e Holocausto e Memoria. Profesor asociado na Universidade de Vigo no grao de Tradución e Interpretación, no Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional e no programa de doutoramento Tradución e Paratradución.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Agosto 2019
LMMeXVSD
   1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031 
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas