GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Venezuela, capital Celanova

(23/07/2018)

Venezuela, capital Celanova

Uns 450 emigrantes retornados de Galicia e España chegaron desde o 2015 ao concello ourensán, elevando un 8 % a súa poboación

 

 


CELANOVA / LA VOZ 22/07/2018

 

 

Alexandra suma 10 anos e non acaba de entenderse nin co galego nin co frío. Chegou a Celanova (5.782 veciños) en xuño do 2017 para non acabar sendo o branco de ningunha pistola no seu país, Venezuela. «A inseguridade é absoluta: hai 15.000 armas curtas circulando e 35.000 mortos ao ano nas rúas, faltan comida, medicamentos e médicos», relata o seu pai, Javier Argüelles, encañonado tres veces, un máis dos 450 emigrantes retornados que se instalaron, aumentando un 8 % a poboación, desde o 2015 en Celanova, comarca da que emigraran miles de persoas ao país do Orinoco, Arxentina, Cuba, México ou EE. UU.

 

Sen vínculo con Galicia

 

Asturias, Canarias ou Cataluña. A maioría dos novos veciños localizan a súa orixe na vila de Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro, pero outros moitos teñen que desenterrar as súas raíces en Asturias, Cataluña ou Canarias, onde xa non lles queda vínculo algún. «Existe un efecto chamada entre a comunidade venezolana, saben que aquí teñen a compatriotas, amigos ou coñecidos que regresan á terra da súa familia, e o resto veñen detrás», explica Daysi Rodríguez, presidenta da Asociación Cultural Cantoclaro, entidade que se envorca, sen apenas medios e sen subvencións, en axudar aos retornados recentemente chegados, teñan ou non a documentación en regra.

 

A cara amable

 

Reciclarse aos 50. Lucita Organero militaba en Primeiro Xustiza, un dos principais partidos da oposición a Nicolás Maduro. «Traguei moito fume de bombas lacrimóxenas e un militar que vivía no mesmo edificio ameazoume de morte moitas veces, por iso vinme. Non sei si hei ter sorte, o que si sei é que me arrisquei ao chegar estando xubilada en Venezuela». Rosana Rodríguez nunca pensou que a conta aberta en Abanca, durante unhas vacacións no 2005, acabaría sendo o seu maior flotador económico. Abandonou illa Margarita coa súa familia e acaba de abrir unha tenda de doces. «Enviaba diñeiro cada certo tempo e grazas a iso abrín o negocio, esa foi nosa gran sorte». Incluso o presidente da patronal local, Jorge Cardoso, tamén é retornado de Venezuela, o que dimensiona ata que punto está integrada a colonia en Celanova.

 

Censos paralelos

 

O padrón. «No 2015, censáronse 5, no 2016 foron 27, 70 no 2017 e 52 este ano», di Julio Mosquera, tenente de alcalde (PP), que detalla que os retornados se estenden a municipios próximos como Berea ou Ramirás. «A colaboración con Cantoclaro é absoluta e facemos todo o que podemos, nós e eles: deixámoslles espazos para que presten servizos e o que poida xurdir». Nun deses locais aténdese aos retornados da zona, o que deu pé a un censo paralelo: 120 persoas entre o 2015 e o 2016 e 360 entre o 2017 e o primeiro semestre do 2018.

 

Axuda básica e inmediata

 

Cáritas. César Iglesias é párroco de Celanova desde hai 45 anos e está ao pé do canón na agrupación local de Cáritas. O seu diagnóstico é claro: «No 2016 atendiamos a 35 familias e agora chegamos a 57, case todos venezolanos. Recibos de luz, alugueres, recoller comida... Todo son gastos e non hai diñeiro. Xa estamos a recorrer á xenerosidade de veciños en situacións de urxencia. Este fenómenos non pode ir a máis, non hai traballo e estase formando unha poboación flotante que nalgúns caso chega sen papeis». Amadura Alonso é o cru exemplo da violencia desatada en Venezuela: «Matáronme a dous fillos de 21 e 17 anos con pistolas en diferentes atracos para quitarlles o móbil e o coche». Agora, xunto á tamén retornada María Isabel, traballa no servizo de limpeza municipal de Celanova intentando pasar páxina.

 

A burocracia

 

Paralizada. María Veloso tamén traballa desinteresadamente en Cantoclaro: «Nós facilitámoslles a integración, os trámites burocráticos ou roupa, xa que algúns veñen case co posto». A situación da Administración venezolana tampouco axuda: un trámite demórase meses e non poucos retornados chegan coa documentación incompleta. Disto saben bastante nas entidades bancarias de Celanova, con numerosos clientes con dobre nacionalidade: «Teñen negocios millonarios e non poden vendelos, tampouco traer o diñeiro dos bancos, demasiado devaluado. Cada vez chegan máis e algúns co posto», explica un director de oficina. 

 

Previsión inmediata

 

Nova onda. Recoñéceno a Asociación Cantoclaro, o Concello, o párroco e cada venezolano ao que se pregunte. «Para setembro chegarán moitos máis venezolanos, aquilo non deixa de empeorar e os pais que xa tomaron a decisión de abandonar o país esperan a que os fillos acaben agora, en xullo, as clases para que empecen aquí en setembro», rebela Daysi, que eleva a 30 os nenos matriculados o curso pasado en primaria, o que supón todo un oasis no deserto da poboación galega en xeral e da ourensá en particular.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas