GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Faysal queda en Vigo

(02/03/2015)

Faysal queda en Vigo

Un inmigrante tratado como delincuente ao chegar a España logra que un xuíz revogue a súa orde de expulsión grazas ao apoio dunha familia viguesa



alejandro Martínez vigo
/ a voz,02 de marzo de 2015.

 

 



XOAN CARLOS GIL



Faysal Ahmed é un mozo hindú de 20 anos que cando chegou a España, á idade de 17, foi tratado como un delincuente. Pero a súa historia tivo un final feliz. O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo revogou nunha sentenza unha orde de expulsión que pesaba contra el. O apoio incondicional que lle prestou unha familia de Vigo
dende o primeiro minuto de coñecelo foi clave para que nunca se dese por vencido e loitase por defender a súa inocencia.

Todo empezou o 29 de setembro do 2011. Tras atravesar unha serie de problemas no seu país de orixe, decidiu viaxar dende Bangladés a España para emprender unha nova vida. Cando desembarcou no porto de Barcelona, os servizos de estranxeiría non creron que fose menor de idade e negáronlle a protección á que tería dereito. A súa data de nacemento estaba clara no pasaporte, o 17 de outubro de 1994, pero as autoridades españolas fixéronlle unha proba de idade coa que determinaron que tiña 18 anos. Esas análises médicas baséanse nunha radiografía da muñeca e nun exame da clavícula e da dentadura. A comunidade científica internacional considera que este tipo de exames presentan unha marxe de erro moi significativa. No caso do estudo radiográfico da muñeca, a desviación dos resultados pode ser de máis dun ano e medio respecto á idade real. De feito, estas análises xa non se realizan. O Tribunal Supremo ditou o ano pasado dúas sentenzas prohibindo someter a esas probas de idade os inmigrantes menores con pasaporte válido que se encontran de forma irregular en España. Ditaminou nese sentido, non pola falta de fiabilidade das probas, senón pola violación que supón dos dereitos da infancia e porque «non» hai unha xustificación razoable para que se realicen cando se dispón dun pasaporte válido».

Pero Faysal Ahmed tivo que someterse ao ditame dos médicos sobre a súa idade. A falta de coincidencia entre os anos que constaban no seu pasaporte e os que resultaron das probas que lle efectuaron ao entrar no país fixo que as autoridades españolas concluísen que falsificara a súa documentación.


A xuízo por falsidade

Non só negáronlle a tutela que a lei dispensa aos menores non acompañados, senón que ademais lle imputaron un delito de falsidade documental.

Este mozo chegou a estar detido durante varias horas nun calabozo da Policía Nacional por estes feitos. A Fiscalía pediulle nove meses de prisión, unha multa de 450 euros e a súa expulsión do país. A vista oral celebrouse nun xulgado do penal de Guadalajara e quedou absolvido en maio de 2014 do delito de falsificación que lle imputaban ao quedar acreditado que o seu pasaporte era auténtico.

O documento foi unha proba achegada á causa e por un erro non chegaron a devolverllo tras quedar en liberdade. Esa foi a súa mala sorte. Un mes despois, en Vigo, parouno a Policía Nacional e non puido mostrar a súa documentación.

Novamente enfrontouse a un procedemento de expulsión do país iniciado pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra. Desesperado, xa se vía facendo as maletas de regreso forzado á India, pero un bo día trabou amizade nun bar da cidade con Paula e María Martínez Molares, dúas irmás que decidiron apoialo decididamente e lle abriron as portas da súa familia. Paula, que é avogada, axudoulle a recuperar o seu pasaporte e tamén co recurso que presentou no xulgado en contra da orde de expulsión. María dálle clases de español e, grazas a el, ela practica inglés. Ao final, o xulgado deulle a razón, o que é motivo de grande alegría para a súa familia adoptiva de Vigo. A desconfianza e falta de comprensión coa que se topou por parte da Administración á súa chegada a España encontrou compensación co apoio das súas irmás adoptivas. Elas, pola súa banda, afirman que cada día aprenden moito del.

«Quero ser informático»

Faysal Ahmed é moi coñecido no centro de Vigo porque cada fin de semana percorre as rúas vendendo flores para gañar un sustento. O seu obxectivo é lograr un permiso de residencia que lle permita unha nova vida no noso país. Para iso necesita demostrar que está arraigado na cidade e ter un contrato de traballo. O Concello de Vigo ditou un informe de arraigamento favorable, dado que se encontra plenamente integrado. Non obstante, séguese encontrando coa incomprensión da Administración, que non admitiu un contrato de empregado de fogar que presentou, «porque son un home». Pero Faysal aposta polo seu futuro. Estuda español na escola de idiomas e quere ser informático.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas