GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Galicia pide en Bruxelas unha política de inmigración coordinada para toda a Unión Europea

(08/04/2014)

Galicia pide en Bruxelas unha política de inmigración coordinada para toda a Unión Europea

 
 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión CIVEX do Comité das Rexións da EU.

Foi aprobada a achega da CIVEX ás prioridades do CdR para o período 2015-2020, entre que se inclúe a política de inmigración e asilo.

O debate sobre a crise ucraína e o futuro programa europeo sobre xustiza e interior tamén foron abordados durante o encontro.

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión CIVEX do Comité das Rexións celebrada hoxe en Bruxelas
    O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión CIVEX do Comité das Rexións celebrada hoxe en Bruxelas

 

Bruxelas, 7 de abril de 2014.

Listen to this page using ReadSpeaker
 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión CIVEX do Comité das Rexións celebrada hoxe en Bruxelas, na que se estableceu a achega que esta fará ás prioridades políticas do CdR para o período 2015-2020. A aprobación destas prioridades no pleno de xuño coincidirá co inicio do novo ciclo político comunitario que comeza coa nova lexislatura do Parlamento Europeo, e que se completará nos meses sucesivos co nomeamento dun novo colexio de comisarias e comisarios e dunha nova ou dun novo presidente do Consello.

A reunión da Comisión CIVEX aprobou a inclusión dentro das prioridades do CdR para este período de cuestións como o necesario cambio de gobernanza, a cidadanía e a defensa dos dereitos fundamentais, a política de ampliación e a de veciñanza e relacións exteriores ou a cooperación para o desenvolvemento. Entre todos os puntos incluídos Galicia fixo especial incidencia na necesidade dunha política de inmigración e asilo coordinada e na defensa da libre circulación e residencia das cidadadás e dos cidadáns europeos.

“A inmigración irregular non é un problema só dos países que teñen fronteira sur, é de toda a Unión Europea. Isto esixe unha política coordinada entre a Comisión e todos os Estados membros que respecte os dereitos fundamentais, que se ocupe de mellorar a cooperación cos países de orixe e que loite con decisión contra as mafias que trafican con persoas”, sinalou o director xeral.

Debate sobre a situación política en Ucraína
Ao contar a comisión CIVEX coa política exterior da UE entre os seus ámbitos de actuación, gran parte da sesión estivo centrada no debate sobre as consecuencias e a evolución da situación na Ucraína despois do Euromaidan. Este seguimento do conflito vai en consecuencia co papel desempeñado polo CdR dende o inicio da crise alá por novembro, exercendo de interlocutor coas entidades locais opositoras, realizando visitas sobre o terreo e aprobando varias resolucións de condena dende o pleno deste órgano consultivo.

Na discusión tomaron parte representantes das distintas institucións da UE, da Conferencia Anual de Entes Rexionais e Locais da Asociación Oriental e da UE (CORLEAP) e da sociedade civil dos distintos países representados en tal asociación, que valoraron a evolución do conflito dende a marcha de Yanukóvich, a formación do novo goberno e a intervención rusa en Crimea. En todo momento se condenou a inxerencia de Rusia no conflito, declarando como ilexítimo o referendo realizado en Crimea que resultou na adhesión deste territorio á Federación Rusa e tensou as relacións da potencia oriental coa UE e os EE.UU.

Dereitos fundamentais, asilo e seguridade
Tamén se incluíu na orde do día desta reunión de CIVEX a discusión do proxecto de ditame sobre “O futuro da política da UE en materia de xustiza e asuntos de interior”, que aborda as principais cuestións relativas á aplicación e respecto dos dereitos fundamentais. A elaboración do ditame encádrase no proceso de redacción por parte da Comisión Europea dun novo texto que substituirá o Programa de Estocolmo, vixente nesta materia dende 2010. O novo programa deberá cubrir ámbitos de acción esenciais como a protección dos dereitos dos europeos e das cidadás e dos cidadáns de terceiros países, cuestións de migración, de loita contra a delincuencia organizada ou a promoción da cidadanía europea.

O proxecto de ditame, que se prevé será aprobado no pleno do CdR de xuño, incide na necesidade de traballar a varios niveis nestas cuestións, dado que as rexións e municipios contan con experiencia e competencias en moitos dos asuntos sinalados. Remárcase a necesidade dun labor coordinado e a longo prazo entre os poderes rexionais e nacionais coas institucións europeas, especialmente no tocante ás políticas económica, social e de exteriores, como clave para combater a amenaza das ideoloxías de extrema dereita que están a crecer no continente.

Outra cuestión abordada durante esta reunión de CIVEX, máis orientada ao funcionamento interno do CdR, foi a inclusión de cinco ditames elaborados por esta comisión no Informe de Impacto do Comité das Rexións en 2013. Tal documento anual fai un seguimento dos ditames aprobados por este ente consultivo unha vez son remitidos ás institucións que os demandaron ou que están a lexislar sobre o tema. O obxectivo é coñecer a eficacia e peso real do Comité das Rexións na elaboración das políticas comunitarias.

Competencias da Comisión CIVEX
A comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) é unha das seis comisións nas que se organiza o traballo do Comité das Rexións. Ten competencia en múltiples eidos como a política de inmigración e asilo, a cidadanía activa ou a cooperación descentralizada para o desenvolvemento. Galicia forma parte desta comisión e tamén da Comisión de Cohesión Territorial desta asemblea consultiva comunitaria na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas