GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Ourense. Mariñamansa e O Couto, os barrios que concentran maior inmigración

(24/02/2014)

Mariñamansa e O Couto, os barrios que concentran maior inmigración

A cidade de Ourense acolle máis de 5.600 inmigrantes, dos que son os de Suramérica os máis numerosos, 2.741

A Rexión 23/02/2014

A inmigración que nas últimas décadas recibiu a cidade de Ourense, foi aglutinándose en determinados barrios da cidade, sendo especialmente relevante e visible nas áreas do Couto, Mariñamansa ou A Carballeira, aínda que tamén teñen un gran peso na zona do Vinteún, neste caso máis porcentual que en número. En rúas como Jesús Soria, Remedios, Greco ou Zurbarán, no barrio do Couto, sucédense os establecementos de cibercafés, cafetarías con música do outro lado do Atlántico, salóns de peiteado onde se realizan os característicos cardados de determinados países africanos ou americanos ou mesmo tendas de comestibles especializadas en produtos de distintos puntos do globo.

En realidade, é unha armazón de establecementos que cambiou a fisionomía deste barrio e doutros da cidade, e que conta cun público fiel entre a poboación inmigrante, segundo a procedencia.

Dos 5.669 inmigrantes que, segundo o Instituto Galego de Estadística, tiña a cidade no ano 2012 (data en que se publicou o último informe de poboación dos sete grandes concellos galegos), 2.741 proviñan de América; 2.179 de Europa; 527 de África e 222 de Ásia.

No barrio do Couto, onde a poboación inmigrante supera o 10% nalgunhas das súas rúas, das case 600 persoas rexistradas, 350 son sudamericanos; 156 de Europa; 64 de África e 15 de Asia.

Tamén é importante o peso da inmigración nalgunhas rúas do barrio de Mariñamansa onde, curiosamente, non se rexistra ningún cidadán asiático, mentres os procedentes de América, fundamentalmente Colombia, República Dominicana e Venezuela, alcanzan os 164, os de Europa os 117 e 30 chegaron dende o continente africano.

Unha terceira zona con especial presenza inmigrante é o barrio da Carballeira, onde fronte aos 606 habitantes españois censados na rúa Marcelo Macías, hai 94 americanos, 83 europeos e 73 africanos.

A media de presenza de persoas estranxeiras na cidade está no 5% e en determinadas zonas destes barrios supérase ata alcanzar o 10%, mesmo. Aínda que con menor intensidade, o informe do Instituto Galego de Estatística reflicte tamén outras zonas con forte presenza inmigrante, como o ámbito da Residencia, as proximidades das piscinas de Oira ou algunhas rúas do casco vello da cidade.

En todo caso, no último ano rexistrouse un descenso no número de inmigrantes, pasando dos 5.669 do 2012 aos 5.560 que botan os datos do Instituto Nacional de Estatística.



principais problemas

Nuria García Calvo, coordinadora do centro de atención ao inmigrante Teranga Ourense, sinala que un dos maiores problemas cos que se encontra o inmigrante é o das barreiras administrativas, especialmente acentuado nos últimos tempos coa actual lei de estranxeiría, que pide requisitos cada vez maiores para renovar o permiso de residencia.

Outro dos hándicap cos que se encontran moitos inmigrantes é o idioma, cando se trata de países magrebís ou asiáticos, fundamentalmente chineses, o que lles supón unha barreira, en máis dunha ocasión, á hora de tramitar subvencións e trámites burocráticos, así como documentación laboral e de residencia.

García Calvo tamén apunta que "aínda que a xente en Ourense, no seu conxunto, é moi solidaria, parece que rexorde cada vez con máis forza esa idea de que, se non hai para os de aquí, para os de fóra... ". A responsable deste centro, pertencente á Fundación Juan Soñador de Salesianos, recorda que "esta poboación inmigrante está a sufrir especialmente a crise" e que, a pesar de que os datos reflicten un descenso de inmigrantes na cidade no último ano, "aquí non o notamos, ao contrario, aumentan.

Hai que ter en conta, precisa esta experta, que este centro atende a persoas que teñen problemas coa aparición da crise e esta se está a notar moi especialmente nun colectivo que non conta con rede social, cun colchón familiar, como aconteceu coas familias españolas.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas