GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Feijóo transmite Raúl Castro e as autoridades cubanas "que sexan sensibles aos problemas da colectividade"

(09/12/2013)

Feijóo transmite a Raúl Castro e as autoridades cubanas "que sexan sensibles aos problemas da colectividade"

Redacción, A Habana | 08 Decembro 2013 -

Crónicas de la Emigración

El presidente de la Xunta realizó una ofrenda floral en memoria de los gallegos fallecidos en Cuba.

O presidente da Xunta realizou unha ofrenda floral en memoria dos galegos falecidos en Cuba.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, mantivo este sábado un encontro co presidente da República de Cuba, Raúl Castro, ao que lle transmitiu que os "case 40.000 galegos" que residen na illa son a principal razón pola que Galicia nunca se pechará a Cuba senón que, de xeito contrario, "Galicia ábrese a Cuba e Cuba ábrese a Galicia".

Ao final do encontro con Castro, no que estivo presente o embaixador de España en Cuba, Francisco Montalbán, o presidente galego agradeceu a oportunidade de poder avaliar co máximo responsable do Goberno cubano o momento actual que atravesa este país e, tras mostrar o seu respecto á idiosincrasia e á vontade de cada pobo, trasladou o seu convencemento de que "o risco non está nos cambios senón no inmobilismo".

"O pobo cubano mostrou a súa capacidade para avanzar en moitos momentos da súa historia e tanto España en xeral, como Galicia en concreto, temos" unha grande "confianza en que o siga facendo no futuro", asegurou. Neste sentido, animou as autoridades cubanas a continuar o proceso de actualización que anunciaron nos últimos anos, tal e como lle transmitiron distintos membros do Goberno cubano ao longo destes días.

Como exemplo disto, puxo o propio exemplo de España dende a Transición, tras a que, segundo destacou, os españois viviron o maior desenvolvemento político, económico e social da súa historia. "Cun pobo cubano debuxando a súa mañá hai cada vez máis posibilidades" e mostrouse partidario de estender a Cuba a tendencia internacional que tende a evitar os conflitos e encontrar puntos de encontro. De feito subliñou que o acordo alcanzado onte pola OMC é un avance neste sentido.



Ponte construída polos emigrantes

Nesa liña, trasladou que os lazos históricos que unen a Galicia con Cuba fan que dende "logo a Comunidade galega non se sinta allea ao futuro da illa, nin hoxe nin nunca". Segundo subliñou, "entre Galicia e Cuba hai unha ponte invisible construída pola emigración" e tendeu a man ao pobo cubano a aproveitala.

Ese é, en palabras de Feijóo, o desexo dos miles de galegos que residen en Cuba, e cos que tivo a oportunidade de encontrarse en varias ocasións ao longo dos últimos días na que foi a súa primeira visita institucional a Cuba dende que fora elixido presidente da Xunta.

"Era unha materia pendente visitar os galegos de Cuba e síntome satisfeito de tela saldado", dixo como conclusión, e engadiu que a situación dos emigrantes neste país foi o principal asunto que centrou as súas reunións tanto con Raúl Castro coma co resto de membros do Goberno cubano cos que se encontrou nestes días.

"A miña petición principal ás autoridades de Cuba é que sexan sensibles aos problemas da colectividade e receptiva ás necesidades das sociedades que a representan", resumiu, e se mostrou convencido de que a unión das 38 sociedades galegas na Habana materializada esta semana servirá para que a súa voz se escoite con máis forza. De acordo coas previsións relativas ao desenvolvemento da normativa española sobre nacionalidade, a cifra dos 38.500 galegos presentes en Cuba incrementarase no futuro facendo que o peso da emigración sexa cada vez maior.



Explorar vías económicas

A maiores, reiterou a aposta por que a política de internacionalización da economía galega tamén explore vías de colaboración económica en Cuba, de maneira que se dea continuidade á liña ascendente das relacións comerciais rexistrada nos últimos meses. De feito, o volume de exportacións galegas a Cuba no que vai de ano supón un incremento do 50 por cento respecto ao mesmo período de 2012.

"Apreciei interese e ganas de traballar xuntos en diferentes proxectos económicos. Os emprendedores que se desprazaron aquí así constátano e están dispostos a explorar posibilidades de negocio que sexan seguras", explicou, tras comentar que o "pobo galego e cubano sempre se relacionaron independentemente dos momentos políticos de ambas as dúas sociedades e deben seguir buscando o que lles une e non o que os separa".

Precisamente como mostra da "especial relación" entre Galicia e Cuba, Feijóo realizou na mañá deste sábado unha ofrenda floral en memoria dos galegos falecidos en Cuba, que tivo lugar no Panteón de Naturales de Galicia do cemiterio Colón Da habana. Xa pola tarde, visitou un centro para enfermos de Alzheimer e mantivo un encontro co arcebispo de Santiago de Cuba e presidente da Conferencia Episcopal de Cuba, monseñor Dionisio García Ibáñez, o último acto da súa visita a este país.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas