GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A diáspora galega celebrará de forma simultánea os 150 anos da publicación de 'Cantares Galegos'

(22/11/2013)

A diáspora galega celebrará de forma simultánea os 150 anos da publicación de 'Cantares Galegos'

Redacción, Santiago | 21 Novembro 2013 - Cronicas de la Emigración

Rosalía de Castro, "Sombras sen sombra"

Rosalía de Castro, "Sombras sen sombra"

As novas tecnoloxías permitirán que este domingo, día 24, un millón de galegos repartidos polo mundo celebren de xeito simultáneo os 150 anos da publicación do libro 'Cantares Galegos' e 'Adeus ríos, adeus fontes', o primeiro poema en galego de Rosalía de Castro, que, ademais, trata da emigración, e que viu a luz por primeira vez o 24 de novembro de 1861.

O acto, ao que poderán sumarse a través de internet, todos os centros e casas de Galicia do mundo, consistirá na proxección do documental realizado por José Durán, 'Rosalía, sombras sen sombra', que ofrecerá a TVG en 'streaming' na súa páxina web e despois en emisión convencional.

O obxectivo é dar a coñecer unha perspectiva nova da poetisa, así como divulgar e prestixiar o emprego da lingua galega entre as colectividades emigrantes. Este documental poderano ver de xeito simultáneo os galegos do mundo, ben a través dos seus ordenadores, ou ben nos actos que teñen preparados para esta celebración os diversos centros e casas de Galicia do mundo.

Nas dúas beiras do Atlántico

Xusto antes do documental, terá lugar unha videoconferencia entre Bos Aires (a cidade de fóra de Galicia na que residen máis galegos) e a capital da Galicia territorial, Santiago de Compostela. Na outra beira do Atlántico, no Deportivo Campo Galicia do Centro Galicia no barrio de Olivos, concentraranse algúns dos millares de galegos alí residentes, aos que representarán no acto o presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, Francisco Lores Mascato, e o presidente da Federación Unión de Asociacións Galegas da República Arxentina, Juan Rodríguez Santomé, así como o propio presidente do Centro Galicia, Agustín Diz. Xunto a eles, e en representación da Galicia territorial, estará o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

Nesta beira do océano, na Cidade dá Cultura, estarán o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o propio autor da reportaxe, José Antonio Durán; en representación da Xunta estará o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; ademais doutros convidados do mundo da lingua e da cultura galegas.

O comezo do 'streaming' está fixado para as 16:30 horas deste domingo, día 24 de novembro, en hora galega e hora central europea, o que se corresponde, por citar algúns lugares con ampla colonia galega e horarios distintos, coas 15:30 horas en Reino Unido, Portugal ou Canarias; coas 13:30 horas en Brasil ou no Uruguai; coas 12:30 horas en Arxentina ou en Chile, coas 11:00 horas en Venezuela; coas 10:30 horas en Cuba ou na franxa occidental dos Estados Unidos e coas 9:30 horas en México. Ademais, a TVG emitirá en aberto o documental na súa programación nocturna ese mesmo día.

Un acto histórico con continuidade

Os galegos de todo o mundo poderán participar na emisión simultánea da videoconferencia e na posterior emisión do documental e, ademais, poden enviar as súas achegas de como celebraron este día (fotos, videos, sons e documentos de todo tipo) á páxina web da Secretaría Xeral de Emigración: www.galiciaaberta.com. Nas xornadas seguintes á emisión, recollerase o abano de actividades que se desenvolveron nos centros e nas casas de Galicia, e tamén nos domicilios dos galegos da diáspora que teñan a ben sumarse á iniciativa.

Hai algúns días, e para poñer sobre aviso ás colectividades galegas sobre o evento, Rodríguez Miranda remitiulles unha carta aos centros galegos do exterior (que se achegan ao medio millar en todo o mundo), na que os invitaba formalmente participar e difundir este acto histórico da diáspora galega.

A videoconferencia dende Olivos é un dos contactos cos galegos na Arxentina e no Uruguai que Miranda desenvolverá nas próximas datas, e que a Secretaría Xeral de Emigración desexaba facer coincidir co día 24 de novembro, data na que viu a luz o poema 'Adeus ríos, adeus fontes,'. Por outra parte, esta celebración conxunta e simultánea da diáspora galega ten lugar no ano en que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere facer especial fincapé na obra de Rosalía, cando se cumpren 150 anos da publicación da súa obra máis popular.

 

 

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas