GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Empresarios e gobernos forman a emigrantes galegos en Suíza

(08/11/2013)

Empresarios e gobernos forman a emigrantes galegos en Suíza

Traballadores da construción da zona irán a un curso en Arteixo

Decenas de traballadores da construción da Costa da Morte e outros puntos de Galicia, emigrados en Suíza, aproveitarán o parón invernal do sector para formarse nun curso de especialización que se celebrará en Arteixo entre xaneiro e febreiro. En concreto, no Curso sobre técnicas da construción para traballadores españois empregados na industria suíza da construción, organizado baixo unha marca máis ampla denominada Operación España, cuxos datos poden consultarse na Consellería de Emprego e Seguridade Social do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, e en concreto na consellería correspondente da Embaixada de España en Berna.

Este carácter institucional é unha proba da relevancia que se lle dá a este tipo de formación dos emigrantes. A organización corresponde á Dirección Xeral de Migracións do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, en colaboración coa Fundación Laboral da Contrucción, a Sociedade Suíza de Empresarios da Construción, os sindicatos Unya e Syna, e o apoio financeiro do fondo paritario de formación do sector principal da construción (Parifonds-Construción).

Os emigrantes deberán asistir ao curso en Arteixo entre o 7 de xaneiro e o 28 de febreiro, un total de 320 horas, de luns a venres, repartidas en 40 semanais. Os contidos didácticos son encofrado, canalizacións, entibados e pozos, mampostería de ladrillo, coñecementos básicos de interpretación de planos e seguridade e hixiene no traballo.

Prazo esgotado

Hai 68 prazas, e o prazo de anotación péchase hoxe. Ou, realmente, había, porque segundo conformaron onte desde a Consellería de Berna, xa están todas cubertas, dado o interese suscitado. E iso que non todos podían acceder: é preciso acreditar experiencia no sector da construción durante, polo menos, seis meses; ter cotizado previamente ao Parifond durante o mesmo período e, sobre todo, a proposta do empresario para participar no curso.

A cambio, o participante recibe unha indemnización equivalente ao 80 % do salario obtido antes de comezar o curso. Se finaliza as clases, poderá ser clasificado na categoría salarial A, no caso de que non a obtivo aínda. Finalmente, o traballador de tempada e o seu empresario comprométense a concertar un novo contrato de traballo.

Ademais de en Arteixo, na sede da Fundación Laboral da Construción, haberá un curso similar en Portugal, outro país, do mesmo xeito que España, cunha masiva presenza migratoria en Suíza.

 

Crece o número de emigrantes

 

 

O número de emigrantes españois en Suíza non para de crecer. Boa parte deles proceden da Costa da Morte, principal comarca emisora nas últimas décadas. O ministerio acaba de publicar os últimos datos oficiais do 2012, que aínda non recollen as mareas deste ano, freadas coa limitación de permisos por parte do Goberno suízo e, sobre todo, porque non hai traballo para todos e moitos dos que acoden en busca de ocupación regresan cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha.

 

Os datos tampouco son homoxéneos, porque é preciso acudir a catro táboas que, máis que contradicirse, compleméntanse. Unha delas é a da Oficina Federal de Migracións suíza. A finais do 2012 tiña rexistrados a 69.793 españois como residentes, máis 2.265 non residentes. Segundo estes datos, o ano pasado houbo un 42 % máis de emigrantes que no 2011. Outro aspecto a ter en conta é o da poboación activa, con 44.000 altas españolas.

En terceiro lugar, o padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), que inclúe todos os casos e todas as idades, por iso é polo que o resultado é moi superior, con 99.539 concidadáns, cinco mil máis que no ano anterior.

Finalmente, o censo electoral de españois residentes en Suíza (maiores de 18 anos con dereito a voto) é de 78.211 nacionais. Nesta táboa, o crecemento no 2012 foi de 2.265 persoas. Todas as táboas reflicten un paulatino incremento da emigración, tras moitos anos nos que o dominante era o descenso.

Fuga de maletas

Manuel Rial

 

 

 

Ultimamente... pregúntanmo menos.

Meu pai chegou a Suíza coa maioría de idade acabada de cumprir. Sabía un pouco de todo, pero moito de nada. Nin sequera falaba o alemán. Aínda así tirou para adiante e conseguiu manter toda unha familia numerosa e aguantar traballando durante case catro décadas. A día de hoxe aínda segue empoleirado nas estadas, pero a situación mudou abondo. Cada vez oe máis pola rúa o galego, xente nova que cre que Suíza é a mina de ouro que foi no seu tempo. Nada é igual. As listas de desemprego aumentan, e o peor de todo, as condicións laborais minguan día a día. Sempre hai alguén disposto a traballar por un salario máis baixo.

Aínda así, son moitos os que se aventuran a coller o avión, o Galisuis ou o propio coche para probar sorte. Iso si, moitos levan na maleta algo de alemán, francés ou inglés e bastantes máis coñecementos escolares cós pais.

Unha solución á desesperada por non atopar traballo na propia terra. Sen teren en conta que aínda quedan moitas vías por explotar, moito que traballar, que explorar e que espremer aquí sen ter que vivir asalariados nun país estranxeiro. Xa o dicía Castelao naqueles tolos anos vinte «En Galicia non se pide nada, emígrase».

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas