GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Emigración investirá neste ano 2013 dous millóns de euros en axudas individuais para galegos e galegas no exterior

(12/03/2013)

Emigración investirá neste ano 2013 dous millóns de euros en axudas individuais para galegos e galegas no exterior

 
  • Emigración subvenciona así as necesidades básicas de subsistencia e atención socio sanitaria dos galegos e galegas en situación de maior precariedade económica.
  • O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración.
 
Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2013.

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe luns a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas individuais a galegos e galegas residentes no exterior para o exercicio de 2013, en réxime de concorrencia non competitiva, e dirixida ás persoas emigrantes de orixe galega, e a determinados e determinadas familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.

Estas axudas están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención socio sanitaria, e segundo establece a resolución, contémplase un prazo de presentación de 40 días naturais desde o día seguinte á súa publicación, polo que os peticionarios ou peticionarias deben presentar a documentación ata o 20 de abril de 2013. Para a concesión das axudas previstas na disposición destínanse 2.000.000 euros, de fondos da Secretaría Xeral da Emigración, que dirixe Antonio Rodríguez Miranda.

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren -segundo se recolle na propia resolución- carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e cumprir os requisitos de necesidade estipulados en de cada tipo de axuda.

Tipos de axuda
A convocatoria hoxe publicada abrangue sete tipos de axuda. As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas por situación de dependencia ou enfermidade grave do solicitante; as terceiras por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas para as mulleres que sufran violencia de xénero; e as últimas para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.

De maneira xenérica, a contía da axuda mínima estipúlase en 150 euros, e a máxima en 800 euros, dependendo de diversos criterios de avaliación, e en función de se o país no que reside a ou o emigrante ten asinado ou non convenio en materia de Seguridade Social co Estado español.

En calquera caso, unicamente poderá solicitarse unha axuda por feito causante, e cada solicitante poderá pedir unicamente unha axuda por un único suposto. Asemade, as axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para os beneficiarios ou beneficiarias, e estarán condicionadas á dispoñibilidade orzamentaria.

As solicitudes, xunto co resto da documentación necesaria para cada caso, poderán presentarse na propia Secretaría Xeral da Emigración (Rúa Basquiños, 2. 15704 Santiago de Compostela), nas delegacións da Xunta en Bos Aires e Montevideo, nas seccións consulares correspondentes, así como en seis entidades colaboradoras de Brasil (4), Cuba (1), e Venezuela (1). Tamén utilizando a sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.es

Criterios de valoración
A disposición establece como criterios xenéricos de valoración e baremo o grao de dependencia, a gravidade das enfermidades padecidas, os ingresos económicos, e a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, todos eles demostrables documentalmente. Estipúlase a documentación xustificativa en cada caso, e un prazo de resolución que en ningún caso poderá superar os seis meses.

A resolución hoxe publicada é unha mostra máis da aposta do Goberno galego por apoiar e dar pulo, na medida do posible neste contexto de fonda crise económica, a un sector da poboación ao que se debe por xustiza histórica especial atención.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas