GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Bande, con acento porteño

(10/09/2012)

Bande, con acento porteño

A maioría do voto emigrante provén de Arxentina

Autor:
cándida andaluz
Localidade:
ourense / a voz
Data

O 54,7 % dos votantes do concello de Bande viven no estranxeiro. Os veciños desta localidade ourensá divídense entre A Baixa Limia, Arxentina, Uruguai, Francia, Suíza, Alemaña, Brasil e Venezuela, entre outros enclaves. Entender a realidade de Bande significa, polo tanto, ter en conta irremediablemente á emigración. Hai tempo que desde o Concello se traballa neste sentido e por ese motivo o grupo de goberno conta cun concelleiro no estranxeiro.

Alfredo Enríquez Badás -que ocupará o cargo de edil en breve tras o falecemento dun compañeiro- vive en Buenos Aires e desde a Casa de Ourense, nacida da asociación Fillos e Fillas de Bande, pulsa a situación dos veciños en Arxentina. «Existe unha necesidade moi importante de querer seguir pertencendo á terra», explica Enríquez, que prosegue: «A xente ve o escudo do seu concello e ponse a chorar. Sabe perfectamente o que pasa na súa localidade e segue participando aínda que sexa desde a distancia».

 

Vinte e cinco mil ourensáns

En Arxentina viven ao redor de 25.000 ourensáns e mil deles son de Bande. Segundo Enríquez a decisión de non poder votar nas pasadas eleccións municipais foi un duro golpe para eles. «Mírasenos de costado. O simple feito de ter que rogar o voto, como se di agora en lugar de solicitar o voto, parece case insultante. É agresivo».

O certo é que desde que se informou aos emigrantes das próximas eleccións en Galicia xa houbo máis de 500 solicitudes na Casa de Ourense. Iso dá conta do interese que teñen os emigrantes por participar no presente e futuro de Galicia, «a pesar de que cada vez se fai máis difícil exercer o dereito a voto pola cantidade de papelorio que é necesario facer», di o presidente da Casa de Ourense. Alfredo Enríquez relata ademais que o feito de «deixar ao carón» á emigración é un grave erro económico: «Todo o que temos aquí queremos gastalo en Galicia. Hai moitos pequenos empresarios que poderían axudar».

Desde Bande, o alcalde, José Antonio Armada Pérez, foi un dos populares que no seu día indicou que a retirada do voto emigrante nas eleccións tiña que ser estudado de forma detida. Con matices. «Moitos dos emigrantes veciños de Bande pasan a metade do ano en Ourense e pagan aquí os impostos. Esta xente tería que poder decidir sobre o futuro da localidade. Ben é certo que hai outros que nunca pasaron por aquí, pero eses xa non votan normalmente».

Para Armada, o trato cos emigrantes en Arxentina «é case diario» e destaca o traballo de Enríquez a través da Casa de Ourense. «Institucionalmente, como Concello, colaboramos con eles moito, sobre todo para facilitarlles trámites burocráticos».

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas