GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Sanidade garante o acceso á asistencia ás e aos inmigrantes irregulares sen recursos e dálles 6 meses de prazo para actualizar a súa situación

(10/09/2012)

Sanidade garante o acceso á asistencia ás e aos inmigrantes irregulares sen recursos e dálles 6 meses de prazo para actualizar a súa situación

 
 
Luns, 03.09.2012
  • A Xunta manterá a cobertura sanitaria -en Galicia- das persoas que soliciten á súa inclusión no programa dende a primeira asistencia médica que reciban a partir do 1 de setembro ata que se resolva a súa inclusión.
  • A Consellería de Sanidade facturará a asistencia sanitaria que preste a todas as persoas que estean obrigadas ao pago.

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, co secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Antonio Fernández-Campa, e o director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Varela Rey.A Consellería de Sanidade porá en marcha ao longo deste mes de setembro o Programa Galego de Protección Social de Saúde Pública, que se ofrecerá a aquelas persoas que non poidan acceder á condición de aseguradas ou beneficiarias e que non poidan subscribir un convenio especial e, polo tanto, non teñan dereito ás prestacións sanitarias por ningún outro medio.

Así o anunciou o venres a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, quen explicou que a Xunta manterá a cobertura sanitaria -exclusivamente en Galicia- das persoas que soliciten a súa inclusión no programa dende a primeira asistencia médica que reciban a partir do 1 de setembro ata o momento en que se resolva a súa inclusión ou non no mesmo.

A titular da carteira sanitaria do Executivo galego explicou que o Servizo Galego de Saúde vén de enviar a todos os seus centros e profesionais unha instrución detallando esta medida e referiu que dita instrución publicarase na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) e no Diario Oficial de Galicia.

Tamén se terán en conta as situacións transitorias –de persoas que perden a condición de asegurada ou de persoas sen esta condición previa- e haberá unha prórroga de seis meses –só en Galicia- dende a primeira asistencia sanitaria para acceder a algunha das vías á asistencia sanitaria.

Rocío Mosquera destacou que a inclusión no programa non xerará un dereito noutras comunidades autónomas nin no resto de países da Unión Europea; e lembrou, así mesmo, que o venres se remitiron tamén aos centros do Sergas e ás unidades periféricas de tarxeta sanitaria as correspondentes instrucións. Mantense o requisito dos 183 días de empadroamento para ter dereito á inclusión no programa.

Con este programa, Galicia cumpre estritamente co establecido polo Real Decreto Lei 16/2012 e o Real Decreto 1192/2012, que permite que estes sexan complementados a través de programas sociais de saúde pública que estableza cada comunidade autónoma.

Acceso ao sistema polas canles máis eficientes
O Programa Galego de Protección Social de Saúde Pública establecerá criterios de inclusión que permitirán diferenciar situacións de fraude ou turismo sanitario; pacientes con terceiro obrigado ao pago; e colectivos sen recursos que non dispoñan doutra vía de acceso.

Deste xeito, a Xunta mantén todos os mecanismos de loita contra o fraude e o turismo sanitario ao tempo que garante o acceso ao sistema público de saúde a aquelas persoas residentes en Galicia sen recursos, en situación irregular ou que perderon o permiso de residencia por quedar no paro.

Os obxectivos desta iniciativa, explicou a conselleira, é ofrecerlles a estes cidadáns e cidadás unha asistencia sanitaria nos diferentes dispositivos e asegurar a axeitada protección da saúde colectiva en Galicia fronte ás enfermidades transmisibles. Así mesmo, desta maneira garántese o acceso ao sistema galego de saúde polas canles máis eficientes, sen restrinxilo para algúns colectivos só a través das urxencias hospitalarias ou os puntos de atención continuada (PAC), o que evitará eventuais saturacións destes servizos.

No que atinxe á tramitación para ser incluído no Programa, a partir do 1 de setembro ás persoas que non teñan a condición de asegurada ou beneficiaria remitiráselles ao INSS para que regularicen a súa situación. Se este lles denega o acceso a esta condición, ofreceráselles a posibilidade de adherirse a un convenio especial –se así corresponde- ou ao seu Programa Galego de Protección Social de Saúde Pública.

Vías de acceso á asistencia sanitaria
Mosquera explicou que o marco regulatorio anterior ao RDL 16/2012 tiña aspectos mellorables que este Real Decreto Lei soluciona: non garantía unha loita eficaz contra o fraude e o turismo sanitario; ocasionaba que o SNS asumise custes de asistencia a europeos no seu país de orixe; o aseguramento non se estendía a todos ás cidadás e aos cidadáns españois; e ocasionaba conflitos puntuais con pacientes desprazados e desprazdas entre comunidades autónomas.

Tras a reforma que supón a entrada en vigor do Real Decreto Lei 16/2012 e o Real Decreto 1192/2012 esténdese o aseguramento a todos a cidadanía española. A conselleira resaltou que é o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) quen recoñece a condición de persoa asegurada e de beneficiaria, tanto de oficio como a petición do propio interesado ou interesada, e a tarxeta sanitaria é o documento que acredita esta condición e, polo tanto, que da acceso ao sistema de saúde.

Neste sentido, explicou que existen distintas vías de acceso: como traballador ou traballadora en activo; como pensionista da Seguridade Social; como perceptor ou perceptora de prestacións periódicas da Seguridade Social; por ter esgotado o subsidio de desemprego e estar apuntado ou apuntada no INEM; ou por non estar en ningunha destas situacións e non ter ingresos superiores a 100.000 euros anuais.

Facturación a quenes están obrigados ou obrigadas ao pago
A conselleira fixo especial fincapé en que, en todo caso, o Servizo Galego de Saúde continuará co programa de facturación segundo o cal sempre facturará, pola asistencia sanitaria e as prestacións realizadas a persoas non cubertas polo sistema, a todo aquela persoa que estea obrigado ao pago.

Convenios especiais
Segundo dixo a conselleira, as e os residentes en España que non poidan acreditar a súa condición de persoa asegurada ou beneficiaria poderán recibir asistencia gratuíta en situacións especiais, como a atención de urxencias; embarazo, parto e post-parto; menores de idade; solicitantes de protección internacional; e vítimas da trata de seres humanos en período de restablecemento e reflexión.

Ademais, Mosquera indicou que o Ministerio de Sanidade está desenvolvendo convenios especiais para poder acceder á prestación da asistencia sanitaria mediante o pago da correspondente contraprestación ou cota.

Estes acordos están principalmente dirixidos a españois e españolas que nunca traballaron e gañen máis de 100.000 euros ao ano; europeos con residencia legal en España anterior ao 24 de abril e que non cumpran os requisitos do aseguramento; e cidadáns e cidadás de terceiros países que durante a súa estancia en España queiran formalizar un convenio para ser atendidos polo sistema público.

Xuntanza co Foro Galego de Inmigración
A titular da carteira sanitaria do Executivo autonómico sinalou, por último, que o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Antonio Fernández-Campa, e o director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Varela Rey, mantiveron o pasado venres unha xuntanza con representantes do Foro Galego de Inmigración, entidade formada por asociacións de inmigrantes ou que prestan servizo a este colectivo en Galicia.

Nela, os representantes da Xunta informaron sobre o Programa Galego de Protección Social de Saúde Pública aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, e solicitaron a colaboración do Foro Galego de Inmigración para establecer mecanismos que permitan manter a loita contra o fraude e o turismo sanitario ao tempo que se garante o acceso ao sistema público de saúde das persoas residentes en Galicia sen recursos, en situación irregular.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas