- Un total de 397.284 persoas poderán exercer o seu dereito dende fóra do país para as eleccións do 21-0.
Un total de 397.284 persoas con dereito a voto nas eleccións galegas do 21 de outubro poderán elixir ao próximo presidente da Xunta de Galicia. Esta cifra supón un aumento de 62.585 persoas respecto ás autonómicas de marzo de 2009.
Estes electores e electoras poderán solicitar a súa documentación para votar ata o día 22 de setembro, mediante o envío dun impreso oficial á súa correspondente delegación provincial onde estean inscritas no censo electoral. O prazo encóntrase aberto dende o 28 de agosto. Entre o 25 de setembro e o 1 de outubro, os e as votantes residentes no estranxeiro recibirán a súa documentación, que deberán remitir de volta entre o 25 deste mes e o 16 de outubro. Entre o 17 e o 19 dese mesmo mes, deberán depositar o seu voto.
Por países de residencia, as cidadás e os cidadáns galegos con dereito a voto repártense, sobre todo, en Arxentina (141.680 votantes), Venezuela (37.445), Brasil (36.683), Uruguai (34.743) e Suíza (30.123).