GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A UE non dispón dunha norma sanitaria común para os inmigrantes ilegais

(13/08/2012)

A UE non dispón dunha norma sanitaria común para os inmigrantes ilegais

A chamada Directiva de Retorno establece que os inmigrantes ilegais obrigados ao retorno deben recibir atención médica

EFE | 10/08/2012 -

Barcelona. (EFE).- Os países da UE non dispoñen dunha norma común sobre a asistencia sanitaria aos inmigrantes ilegais e mesmo nalgúns deles a decisión final desa atención recae no propio médico. Segundo un informe de 2011 da Axencia de Dereitos Fundamentais, un órgano consultivo da Comisión Europea, "existen grandes diferenzas debido a factores como o presuposto, a saúde pública e a política de inmigración". As dúas únicas directivas sobre o tratamento sanitario aos inmigrantes ilegais na UE refírense ao retorno obrigado e ás condicións de recepción de refuxiados.

A chamada Directiva de Retorno establece que os inmigrantes ilegais obrigados ao retorno deben recibir atención médica no caso de emerxencias ou enfermidades crónicas. A Directiva de Condicións de Recepción de Refuxiados establece que os solicitantes de asilo deben obter coidados de emerxencia e tratamento "esencial" para as súas enfermidades. Tendo isto en conta, a voceira da Comisión Europea (CE) Tove Ernst explicou a Efe que unha nova regulación española sobre o pagamento dunha cota mensual para a atención medica o inmigrante ilegal non contraviría a normativa comunitaria.

Ante a ausencia de marco legal común noutro tipo de casos, os Estados da UE actúan de xeito diferente. En Francia, dende o ano 2000 existe un servizo de Axuda Médica Estatal, con custo aproximado para as arcas públicas de 600 millóns de euros, dirixido aos inmigrantes sen papeis que levan en Francia polo menos tres meses de forma ininterrompida. Cobre o 100% dos gastos polos tratamentos médicos ou hospitalizacións establecidos na Seguridade Social.

En Italia, os inmigrantes irregulares teñen dereito a unha cobertura sanitaria mínima, que inclúe a asistencia ambulatoria e hospitalaria urxente e básica, os programas de medicina preventiva, o seguimento de embarazos e maternidade, a tutela da saúde dos menores, as vacinas obrigatorias, a subministración de produtos profilácticos, o tratamento de enfermidades infecciosas e a desintoxicación dos drogodependentes.

O sistema sanitario italiano prevé o copagamento das tarifas oficiais por parte dos inmigrantes sen papeis, agás se non poden pagalas.

Noutros países, como Holanda, é o médico quen ten a última palabra sobre a atención primaria ao inmigrante ilegal, xa que non existe unha directiva clara do Ministerio de Inmigración. Se o inmigrante ilegal ten recursos pagará el o tratamento prestado e, no caso contrario, farase cargo un fondo especial do Ministerio de Inmigración. En Bélxica, teñen acceso aos servizos de emerxencia e de tratamentos esenciais de enfermidades crónicas. En determinadas condicións, a cobertura pode ser máis ampla.

O custo asúmeo un fondo especial do goberno ou asociacións de axuda ao inmigrante. En Alemaña, en teoría só se presta asistencia hospitalaria en casos de urxencia, partos ou certas enfermidades graves, posto que un inmigrante ilegal non pode ter tarxeta sanitaria. Na práctica, non obstante, reciben atención gratuíta a través de organizacións benéficas e de axuda, e, ademais, existen organizacións médicas que "ignoran" a obrigatoriedade de pedir a tarxeta sanitaria.

En Irlanda, o servizo de saúde público só é gratis para os cidadáns con tarxeta sanitaria, que se concede atendendo aos seus ingresos económicos ou en caso de padecer determinadas enfermidades. Un inmigrante ilegal non pode recibir atención médica e, se a recibe en situacións de emerxencia, os profesionais están obrigados a informar as autoridades. No Reino Unido, os inmigrantes ilegais non pode acceder á sanidade pública, aínda que si en caso de situacións de emerxencia como pode ser un accidente ou un ataque físico na rúa.

En Grecia, non teñen acceso gratuíto ao sistema público e só en caso de urxencia hai un dereito constitucional á atención. En Austria, a lei obriga a ofrecer tratamento de urxencia a todas as persoas, incluído os inmigrantes ilegais sen seguro sanitario, aínda que esixe a identificación do beneficiario e remitirlle unha factura cos gastos. A non identificación da persoa beneficiaria ou a falta dunha dirección non se persegue, polo que na práctica a asistencia de urxencias así como os casos máis graves é gratuíta.

Nalgúns hospitais de xestión privada -na súa maioría da Igrexa Católica- asociados ao sistema público de saúde non se solicita o seguro para ser atendido, polo que os inmigrantes sen papeis acoden a eles para a atención primaria. En Bulgaria non se pode negar a asistencia de urxencias a ninguén xa que se prohibe expresamente na Constitución.

No caso dos tratamentos e consultas ordinarias os inmigrantes sen documentación non son atendidos ao non constar na base de datos do sistema sanitario búlgaro. Na República Checa e Eslovaquia, os inmigrantes ilegais non teñen dereito a cobertura sanitaria, polo que deben contratar un seguro de viaxes, cuxa tarifa é de 33 coroas (1,3 euros) por día, o que supón 482 euros ao ano. En caso de accidente, e se non ten pechado ese contrato de seguro, é atendido, e a institución sanitaria en cuestión encárgase de cobrarlle polo servizo prestado.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas