GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Preservacion do patrimonio e consolidación da asistencia sociosanitaria, eixes fundamentais da nova Lei de galeguidade

(16/03/2012)

Preservacion do patrimonio e consolidación da asistencia sociosanitaria, eixes fundamentais da nova Lei de galeguidade

 
 
Xoves, 15.03.2012
  • O secretario xeral da Emigración afirma que “nun momento en que se fusionan os concellos, débese estudar esa fórmula para os centros da diáspora”.
  • Santiago Camba adianta na TVG que PP e PSOE exploran as posibilidades da Lei Electoral para facilitar o voto dos e das emigrantes.
  • Reitera que a Xunta mantén permanente contacto cos familiares dos galegos secuestrados, e axuda no posible a Exteriores na resolución dos casos.

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, debullou esta mañá no programa ‘Bos Días’, da Televisión de Galicia, os eixos fundamentais da nova Lei de Galeguidade, que substituiría á vixente desde 1983, e que foi pioneira na súa materia en toda España. Nesa reforma traballa arreo o seu departamento desde hai meses, agárdase que conte cun amplo consenso e respaldo das comunidades galegas no exterior, e que poda elevarse á súa tramitación parlamentaria canto antes.

Entre os eixos da nova Lei, Camba destacou a incorporación ao seu articulado das relacións entre os centros galegos no exterior e as plataformas de axuda á exportación creadas pola Xunta de Galicia para favorecer os intereses das empresas galegas no estranxeiro. Tamén salientou, como outro dos aspectos clave do novo texto legal, a preservación do patrimonio material e inmaterial de moitos centros galegos no exterior, nomeadamente aqueles encravados en países con serias dificultades económicas.

Fixo fincapé asemade na posible fusión daqueles centros que, por mor do envellecemento ou falta de relevo xeracional entre a directiva, están a esmorecer paseniño. Para o máximo responsable de Emigración no Executivo galego, os centros na diáspora deben unirse para poder seguir garantindo prestacións recreativas, pero sobre todo socio asistenciais e sanitarias, que son as máis relevantes para o Goberno galego e tamén para as entidades, así como –o máis importante- para os propios beneficiarios e beneficiarias, as persoas galegas no exterior. Sostén Camba que “nun momento en que se fusionan os concellos, débese estudar esa fórmula para os centros da diáspora”.

Voto emigrante
A preguntas dos xornalistas Marga Pazos e Carlos Portas, moderadores do programa, Camba recoñeceu que existen conversas ao máis alto nivel entre os dous grandes partidos para explorar as posibilidades da LOREG (Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral) no sentido de favorecer o voto das e dos emigrantes. As porcentaxes de participación da diáspora nos últimos comicios foron moi desalentadores, e deturpan o dereito -constitucionalmente recoñecido a toda a cidadanía española, resida onde resida- de escolleren os seus representantes.

Neste aspecto, o secretario xeral da Emigración avogou, unha vez máis, por explorar as posibilidades do voto telemático; o comicio en urna sempre que sexa posible; e de mellorar o sistema para o sufraxio por correo. De indagar, en fin, tódalas posibilidades que ofrece a Lei para garantir un voto limpo e igualitario.

Camba tamén comentou no ‘Bos Días’ a preocupación do Goberno galego polo caso do empresario galego secuestrado en Venezuela, que por desgraza non é o primeiro nesas circunstancias. “Mantemos coa familia e achegados un permanente contacto, e esperamos que o desenlace sexa positivo, e pronto”, aínda que pediu que se respectaran a cautela e a discreción necesarias para chegar a bo porto neste caso, como noutros anteriores. En calquera caso, cómpre lembrar, lembrou que esta materia é competencia do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Iso si, lembrou Camba que a situación da ampla colonia galega residente en Venezuela non é distinta á do resto das e dos habitantes da República Bolivariana. A este respecto, o secretario xeral da Emigración lembrou que, hai escasos días, a prensa de Caracas reflectía un dato esclarecedor da situación na que se atopa o país: a taxa de homicidios na capital subira un 1.500 % nos últimos dez anos.

A ‘nova emigración’
Preguntado polo suposto incremento da emigración nos últimos meses por efecto da crise, Camba lembrou que “o perfil de mozo que hoxe se vai a Europa é moi distinto ao do pasado. Temos a xeración mellor formada da nosa Historia, e hai moitos rapaces e rapazas dispostos a irse a Alemaña ou Reino Unido a mellorar a súa formación, pero van en condicións moi distintas ás das xeracións anteriores”.

Neste senso, o secretario xeral da Emigración asegurou que, estatisticamente falando, os fluxos migratorios cara o exterior apenas rexistran cambios significativos nos últimos anos. “Non se debe confundir a aquel que marcha a mellorar a súa formación, ou a buscar un posto de traballo mellor retribuído, co emigrante que coñecemos hai tempo”, recalcou Camba.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas