GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Abre en Madrid a primeira libraría especializada en literatura galega

(25/01/2012)

Abre en Madrid a primeira libraría especializada en literatura galega

 
 
Mércores, 25.01.2012
  • Unha parella vinculada a Galicia aposta polo negocio cultural das súas raíces cunha tenda de libros, música e artesanía.

Diego Castelao e María Carreira, na libraría Aturuxo, especializada en literatura galega, que acaban de abrir en Madrid. / SANTI BURGOSDiego Castelao e María Carreira son fillo e filla de emigrantes galegos e galegas en Madrid. Os pais del, de Vedra (Santiago). Os dela, de Castroverde, en Lugo. Naceron, creceron e coñecéronse na capital, onde agora viven como parella. Pero conservaron intactas as raíces paternas. Tal é o vínculo que os une a Galicia que o seu proxecto vital está intimamente relacionado con ela: acaban de montar a primeira libraría especializada en literatura galega de Madrid (con permiso da de Sargadelos, que ten unha pequena sección dedicada a libros galegos e portugueses, pero máis orientada á artesanía).

Despois de que el perdese o seu traballo como educador social, decidiron investir todos os seus aforros no seu sono: o seu recuncho cultural en Madrid. E fixérono. Aturuxo Tenda Galega é moito máis que unha libraría -na que ademais se vende artesanía e música-. É un espazo cultural aberto, onde calquera iniciativa interesante encontra espazo se garda relación con Galicia.

A idea roldou sempre na cabeza de Diego, pero o último empuxón xurdiu entre libros. Mentres traballaba na caseta do Consorcio Editorial Galego na madrileña Feria del Libro decatouse de que a xente pedía literatura galega, e que non había unha oferta competente na capital. E decidiuse. Unha gran bandeira de Galicia plantada ao lado do mostrador dá a benvida ás e aos clientes. "É o noso amor polas raíces o que nos levou a embarcarnos nesta aventura", di María. Á esquerda, a música: unha coidada selección de discos na que colaborou activamente o gaiteiro e amigo Daniel Bellón. Cabe todo: dende a música tradicional de Fuxan vos Ventos ou Milladoiro ata grupos máis recentes, como Marful ou Nova Galega de Danza. Á dereita, literatura. Aínda están a pechar os últimos pedidos, pero xa teñen unha oferta variada: novela, poesía, contos infantís, historia, cociña... Neste caso botoulles unha man Carme Lamela, profesora de galego no madrileño Espazo das Linguas Ibéricas. Só uns poucos están escritos en castelán, pero os donos aseguran que non terían problema en engadir máis obras deste tipo. Para eles o conflito lingüístico simplemente non existe.

A artesanía ocupa a entrada da tenda con diferentes obxectos importados: coiro, cerámica, prata... Pero pretenden ir máis alá, escaparse do recordo e ofrecer produtos de calidade.

A clientela é variada (persoas galegas, madrileñas e estranxeiras) e malia o pouco tempo que leva aberta a tenda, xa teñen fidelidades: "hai un galego moi maior que cada vez que pasa por aquí entra para botar unha ollada e charlar un anaco na súa lingua", conta Diego.

"En Madrid hai moita xente traballando pola difusión da nosa cultura", explica o propietario, " pero son iniciativas persoais que, como esta, non teñen ningún apoio institucional". Por iso Aturuxo aspira a converterse nunha especie de centro vertebrador de todas aquelas actividades deste tipo que se celebren en Madrid. Ideas hai moitas: concertos de música, faladoiros literarios, obradoiros de artesanía ou presentacións de libros.

Aínda que xa atenden ao público, fáltalles pechar os últimos detalles, pero cando estea todo listo celebrarán unha gran festa de inauguración. Haberá gaiteiros, escritores e algún que outro rostro coñecido. A partir de aí será traballar para manter en pé un proxecto que custou moito esforzo levantar. Aínda que recoñecen que non estiveron sós. "Dende o principio sentímonos moi arroupados e animados por un montón de xente que nos axudou a facer realidade a nosa ilusión", asegura María.

De momento, non teñen medo ao fracaso, senón todo o contrario. Ambos os dous coinciden ao asegurar que, polo menos, cumpriron o seu sono. E tamén contribuíron á difusión da cultura galega no exterior.

A rede de colaboradores e colaboradoras
Carme Lamela foi profesora de Diego Castelao no Espazo de Linguas. María Sánchez recibe clases de gaita nos cursos de Daniel Bellón. Moitos das e os alumnos destes dous mestres intercámbianse. Uns alumnos ou alumnas van a galego, os outros e outras apúntanse a gaita. E algúns e algunhas acaban formando parte dun faladoiro literario de escritores galegos en Madrid: o Grupo Bilbao, que se reúne no mítico Café Comercial con autores como Vicente Araguas, Xosé de Arxeriz e Fermín Bouza.

Tamén está nesta rede a escritora Silvia Bardelás que acaba de presentar o seu último libro, Unha troita de pé, e dedica todo o seu tempo libre a outro proxecto de difusión cultural, a plataforma online Galicia en Madrid. Eles e elas, e moitos e moitas máis, foron tecendo unha rede de apoios mutuos para sacar adiante os seus proxectos de difusión da cultura galega en Madrid. Un "círculo de conexións", en palabras de Lamela. Recoñecen a falta de apoio institucional ás súas iniciativas, pero comparten a ilusión polo interese que esperta o seu traballo en Madrid.

Non é só que haxa un grupo tecendo a rede cultural galega, senón "o que é case máis importante, moita xente consumíndoa", di Castelao.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas