GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Santiago Camba presenta en Bos Aires o Plan Integral da Emigración 2011-2013

(01/07/2011)

Santiago Camba presenta en Bos Aires o Plan Integral da Emigración 2011-2013

 
 
xoves, 30.06.2011
  • O Secretario da Emigración presentou aos presidentes dos centros galegos e á prensa en Arxentina o contido deste documento estratéxico do Goberno galego.

  • O Plan define 5 áreas de actuación, e establece 13 liñas prioritarias, 36 programas e 17 accións estratéxicas.

  • Segundo salientou Camba, a muller, a mocidade e a programación de futuro das entidades “son eixes fundamentais”. Anunciou que está a traballar no borrador da nova Lei de Galeguidade.

 

O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, vén de presentar en Bos Aires o Plan Integral da Emigración 2011-2013. En primeiro lugar fíxoo público ante os representantes dos centros galegos da República Arxentina e, posteriormente, ante a prensa da colectividade.

Santiago Camba asegurou que o Goberno galego “quixo presentar este plan no exterior antes de presentalo na propia Galicia”, posto que os principais afectados e beneficiados serán os galegos e galegas residentes fóra do territorio galego. Neste sentido, asegurou que é “grazas á emigración” que Galicia se ten convertido en “universal” sendo xa “máis un concepto –que onde hai un galego ou unha galega está Galicia- que unha terra”.

Neste contexto, o Secretario da Emigración expuxo que dado que “o ciclo migratorio está concluído, que se rexistra un incremento das segundas e terceiras xeracións de galegos e galegas residentes noutras terras e que é preciso afondar na proxección exterior ou internacional de Galicia”, o seu departamento trazou este Plan Integral da Emigración para actuacións ata 2013.

O Plan estrutúrase a través de 5 áreas definidas, que son a atención socio-asistencial aos galegos residentes no exterior, a concepción e desenvolvemento da galeguidade, a sociedade do coñecemento na diáspora, xuventude e muller, e atención e planificación do retorno (que inclúe a redacción dunha Lei do Retorno, agora en fase de anteproxecto). Establécense 13 liñas de actuación prioritarias, 36 programas a desenvolver, e 17 accións estratéxicas.

Trece eixos
Entre as trece liñas de acción prioritarias, Santiago Camba salientou especialmente as de xuventude, “para incluílos á vida activa das entidades”, a de muller “para consolidar a súa inclusión á participación nas entidades e nos órganos de decisión da colectividade” e o do incremento da eficacia e actividades dos centros galegos. Na súa opinión, en moitos casos estas entidades se atopan envellecidas e “corren risco de desaparecer se non se reactivan as súas directivas, obxectivos e funcións na sociedade actual”. “Hai que camiñar cara á fusión de centros e deseñar unhas entidades galegas de cara ao futuro”, argumentou Camba.

Entre as trece liñas de acción prioritarias, tamén destaca o mantemento e potenciación dos programas de axudas económicas individuais a galegos e galegas residentes no exterior; do Programa Reencontros; do de axuda socio-asistencial á cidadanía galega residente no exterior en situación de precariedade a través de axudas directas a centros ou comunidades galegas no exterior; de actuacións en favor das comunidades galegas no exterior; ou o de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior.

Outras liñas son a intensificación dos programas de escolas abertas presenciais destinados a cidadáns galegos e galegas residentes no exterior; os seminarios de baile-música e cociña tradicional galega dirixido ás entidades galegas no exterior; os cursos preparatorios de lingua galega, para os niveis CELGA e de extensión cultural, destinados a galegos e galegas residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia; programas de axudas e subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para a realización de proxectos promovidos pola xuventude; e bolsas para cidadáns galegos e galegas no exterior coa fin de realizaren estudos universitarios oficiais e de formación profesional.

Finalmente, completan o paquete desas 13 medidas prioritarias establecidas no Plan Integral da Emigración 2011-2013 o programa de axudas para a participación en actividades de campamentos e campos de traballo (dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos que residan no exterior); as subvencións dirixidas a entidades galegas no exterior para realizar accións de información, orientación e asesoramento para a emigración galega con vontade de retornar; e as axudas extraordinarias a emigrantes galegos e galegas e aos seus familiares.

Mantemento de accións socio asistenciais e nova Lei de Galeguidade
Santiago Camba anunciou ademais que o Goberno galego está a traballar para manter as accións socio asistenciais destinadas á emigración posto que “os recortes en políticas sociais repercuten sempre nos sectores máis febles”. Así mesmo, durante a rolda de prensa, avanzou que o departamento que dirixe está a traballar no borrador da nova Lei de Galeguidade, para “achegala aos novos tempos” e polo que se abrirá unha rolda de consultas con institucións e a sociedade no seu conxunto co obxectivo de incorporar ideas e propostas, na medida do posible.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas