GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

As muiñeiras das belgas.

(15/02/2011)

 
As muiñeiras das belgas.

 

14.02.2011

 
  • O grupo "Ialma", formado por fillas de emigrantes, celebra a década con novo disco.

 

Considéranse cantareiras, falan bo galego e aseguran que non poden pasar moito tempo sen vir a Galicia, a terra que os seus pais deixaron nos anos 50 para gañarse a vida en Bruxelas. Tras dez anos xuntas, Marisol Palomo, Verónica e Natalia Codesal, Magali Menéndez e Nuria Aldao, as cinco integrantes do grupo folk "Ialma", mesmo se sorprenden ao explicar que, por primeira vez, no seu novo disco, Simbiose, ten cabida o francés, un dos dous idiomas oficiais de Bélxica. É en Pa'la catedral, un tema no que contan coa colaboración do humorista Carlos Blanco, que as definiu como as tank girls do folk galego. "É un orgullo poder cantar no noso idioma", asegura Verónica Codesal, que en 2003 se levou unha gaita a Letonia para representar a Bélxica no festival de Eurovisión, onde o seu grupo "Urban Trad"conseguiu o segundo posto.

"Cantamos en galego para non perder vínculos. Outra xente vai a terapia", explícase Marisol Palomo, filla de emigrantes de Betanzos. Xunto ás súas compañeiras, acaba de aterrar en Santiago para promover o seu novo traballo -o cuarto tras Palabras darei (2000), Marmuladas (2002) e Nova era (2006)-, pero apenas estarán dous días en Galicia. Este sábado gravaban xunto a Carlos Blanco unhas imaxes que proxectarán durante a súa xira de concertos, que comeza en Bruxelas o 26 de febreiro e continuará por Amberes, Alemaña, Francia e Holanda. Non agochan a súa ilusión por actuar en Galicia, aínda que aínda non saben se será posible: a pesar de cantar en galego, Galicia é o lugar no que menos concertos deron. A última vez foi en 2006, aínda que á terra dos seus pais, onde seguen tendo parentes e amigos, veñen moi a miúdo.

Para Codesal, a principal novidade de Simbiose, gravado en Bélxica, é a inclusión de novos estilos, como o rap, tutelado no disco polo vigués El Puto Coke. "Co paso do tempo, rematamos por abrirnos a outras culturas e a outros estilos", conta Codesal, con familia do municipio lucense de Guitiriz. A carta de presentación de Simbiose, Na iauga, aínda que interpretada en galego, é en realidade unha melodía tradicional de Québec e Dance like a Galician unha versión libre e desinhibida de Walk like en egyptian, o éxito de The Bangles. A letra, de Carlos Blanco, enxalza as verbenas, a gastronomía, as praias e a vendima. A tradición medieval galego-portuguesa tamén aparece en Simbiose: Ialma torna, outro dos novos temas do grupo, é a cantiga número 140 de Alfonso X El Sabio.

En Bélxica, onde o público, galego ou non, xa está máis que afeito a oír as cantar na lingua propia, "non" hai "ninguén que non saiba onde está Galicia", contan. Polos emigrantes, que na segunda metade do século XX empezaron a ver en Europa, e xa non tanto en América, a posibilidade de mellorar as súas vidas, e polo labor dos descendentes da diáspora. Palomo e Codesal aseguran que, "aínda que hai moita xente que no país no que naceron nin sequera sabe que o galego é unha lingua oficial", o feito de reivindicar as súas raíces é "moi apreciado" en Bélxica. "Gústalles o galego, parécelles unha lingua moi melosa e pregúntannos que significa o que dicimos", explican. En parte por satisfacer esa curiosidade, a das cantareiras non é a única firma de Simbiose. Humoristas, deseñadores -os vestidos que usan nas fotografías que ilustran o libreto do disco son do galego David Aranda-, artesáns como os Seivane e cineastas acompañan ás "Ialma"con pequenos textos e fotografías, todas feitas en Galicia. En Ortigueira posan para o cineasta Enrique Otero e diante dunha antiga fábrica de vasoiras de Cacheiras, en Teo, ilustran a colaboración Del puto Coke. O escritor Xabier Queipo, residente en Bruxelas, colabora con Grixoa, un pequeno texto sobre a emigración.

A comunidade galega en Bruxelas non é xa a mesma, en parte porque as novas xeracións, nacidas fóra de Galicia, non senten a mesma necesidade de encontro que os seus pais. "Están máis integrados, non é tan importante ese lugar común", apunta Palomo. Dez anos despois de constituírse como grupo, presumen dalgún dos seus logros, como representar o país no que naceron en festivais estranxeiros, sen importar a súa condición de fillas de emigrantes. Aínda que nacidas xa en Bruxelas, Galicia para as cantareiras de "Ialma"non era soamente o lugar das vacacións de verán. Catro das integrantes do grupo -Nuria Aldao é unha emigrante recente que vive en Bélxica dende hai seis anos- coñecéronse de nenas, nas clases de baile e pandeireta organizadas polo Centro Galego de Bruxelas. A que a súa filiación sexa múltiple xa están afeitas. "Aquí somos sempre as belgas e en Bélxica, as galegas", chancea Codesal facendo uso do vello paradoxo do emigrado.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas