GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Búscase mesquita

(07/02/2011)

Búscase mesquita
A denuncia dun veciño obriga á comunidade musulmá de Arteixo a pechar o seu local - Residentes na zona quéixanse de que o colectivo provoca atascos
XOSÉ MANUEL PEREIRO - A Coruña - 07/02/2011

A comunidade magrebí de Arteixo leva anos sendo unha excepción da regra xornalística de que as boas noticias non son noticia. Todas as informacións, incluída unha visita electoral do entón candidato de Esquerda Unida, Anxo Guerreiro, ao que os arteixanos chaman a mesquita, reflectían a boa integración deste colectivo nesta localidade, mestura de núcleos rurais, zona industrial e centro urbano en expansión un tanto caótica, que rolda os 30.000 habitantes. Estes días, con todo, os titulares reflicten a reticencia dalgúns veciños á asociación Aboubaker, a que rexenta o que para uns é mesquita e para outros local social. A situación preocupa tanto ao colectivo de inmigrantes como ao Concello de Arteixo por se, ademais dun contencioso puntual, é a punta do iceberg dun desacordo larvado.

Os magrebís comezaron a chegar a Arteixo fai uns 30 anos. Agora son medio milleiro, a maioría marroquís, pero tamén alxerinos e doutras nacionalidades. O 60% son feirantes e o resto, como os demais veciños, traballadores por conta allea, "os seus labores" ou parados. Un centenar ten nacionalidade española, algúns por casamento ou nacemento. Hai matrimonios mixtos, os nenos están escolarizados e nas rúas pódense ver cuadrillas de nenas con veo e rapaces con vestimenta de raperos. Fai uns seis anos, o gañador dun concurso de monólogos en galego organizado polos equipos de normalización foi un alumno do colexio Manuel Murguía de Arteixo chamado Essam Nmechahi.

O pasado martes, A Opinión da Coruña publicaba que a Comunidade Aboubaker tiña que deixar o local que ten como sede desde fai 10 anos porque non reunía as condicións para o uso relixioso. Ao día seguinte, que un grupo de veciños entregara numerosas firmas de protesta no Concello, "ante os rumores" de que a asociación pretendía comprar unha casa na Baiuca e polos problemas de tráfico que xeraría na zona, onde hai varios centros sociais e a casa consistorial.

O desaloxo determinouse por mor dunha denuncia de que o baixo da mesquita non reunía as condicións previstas para usos relixiosos. Os técnicos municipais inspeccionaron o local e determinaron que a entreplanta non tiña a altura exixible para que se reunise xente. O Concello comunicoulle a Aboubaker que debería facer obras ou cambiar de sitio e os seus dirixentes contestaron que levaban tempo buscando outra localización e que desaloxarían nun par de meses. "En realidade, para o uso que lle dan non é necesaria unha licenza de actividade, e ningún dos locais que utilizan outras confesións, asociacións veciñais ou culturais foi revisado, pero nesta caso hai unha denuncia", recoñecen fontes municipais.

Na asociación non pon ningún problema para entrar. "O que queremos é que a xente e os medios veñan e vexan o que hai. Non é unha mesquita, é un lugar para rezar, para ensinar árabe, e tamén vendemos CD ou aceite", di Omar, o máis novo se se exceptúa a Abdul Jalil, de oito anos, que asegura falar árabe, castelán e galego. "Non temos ningún conflito con ninguén, a nosa relixión obríganos a levarnos ben cos veciños", asegura.

Con todo, entre el e Hassan van debullando un rosario de acusacións e de desmentidos: "Din que enchemos a rúa de coches, pero xa dicimos aos asociados que aparquen lonxe. Tamén que facemos ruído, ou que nos xuntamos moitos, e dime ti se é verdade", conclúe Omar. Achéganse as 20.30, a hora do rezo, e súmanse á conversación algúns homes. Os recentemente chegados tamén negan que haxa problemas co resto dos veciños, pero un comenta que a súa filla ten problemas no colexio novo por levar veo. Foi a falar co director, sen resultado. "Os únicos que teñen problemas connosco son os que non son abertos de mente e de cultura", resume Omar.

Todos apuntan como iniciador do contencioso ao veciño do 3º. O aludido nega ser o autor da denuncia, pero recoñece ser "o único que se lles enfronta e dá a cara". "Pasei 15 anos no Sahara e por iso coñezo como actúan", di. "A primeira vez porque un golpeoume o coche e quería irse coma se nada. Outro día porque entrou a miña muller a queixarse de que non podía sacar o coche e a zarandearon porque non podían entrar mulleres. Falei co imán, pero nada. Queixámonos varias veces, pero o Concello non fai nada. Ata lles dá diñeiro, no canto de atender aos pobres".

O bar máis próximo chámase Era o que faltaba, e hai fregueses que lle dan a razón. "Ás veces meten ruído ás seis da mañá, e aparcan onde queren, e iso que o Concello habilitoulles unha beirarrúa", di un. "Tamén está cheo de coches cando hai un enterro na igrexa de Santiago, aí á beira", encóllese outro de ombreiros.

A alcaldesa, a socialista Pilar Souto, nega que Aboubaker teña subvención municipal: "Nin a teñen nin a pediron". "Salvo unha denuncia en 2003, tampouco a Policía Local ten constancia de que haxa ningún incidente serio", engade. "Hai quen di que 'a alcaldesa defende aos mouros', pero eu ao colectivo magrebí non lle vou a dar un trato mellor ou peor que aos demais veciños. O que me estraña é que se axiten agora estas cousas, logo de anos sen problemas. Creo que hai unha intencionalidade política clara por parte de xente que non mide as posibles consecuencias".

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas