GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

"Recortar os dereitos aos inmigrantes é o primeiro paso para recortalos logo a todos"

(01/03/2010)

"Recortar os dereitos aos inmigrantes é o primeiro paso para recortalos logo a todos"
"Economicamente o mundo está ao bordo do colapso histórico e a crise estana pagando as vítimas do propio sistema financeiro"














O politólogo Sami Naïr durante a entrevista. Cristina de Middel


Naceu en Alxeria, pero creceu no leste de Francia e a súa educación é "case" alemá. Sociólogo, escritor, profesor universitario, especialista en migración, asesor do goberno de Jospin, europarlamentario ata 2004. Vive entre Francia e Sevilla.
CRISTINA MARTÍNEZ Confésase republicano, apaixonado pola música clásica e enganchado á lectura. Sami Naïr, cidadán do mundo, destaca polos seus posicionamento en favor do desenvolvemento de políticas de integración e o recoñecemento dos dereitos e deberes dos inmigrantes. "O pobo español portouse ben cos inmigrantes", di.

-Non atravesa o mundo un bo momento...

-Vai mal. Nun ano a crise cobrouse 29 millóns de postos de traballo e agora temos 29 millóns de parados máis. En España non é necesario subliñar a situación. Falamos de cifras oficiais, pero en realidade a situación é peor. Desenvolveuse nestes anos de forma incontrolable a inestabilidade social e a precariedade, e o mundo economicamente está ao bordo do colapso histórico e a crise provocada polo sistema financeiro estana pagando as vítimas do propio sistema financeiro. Onte países do Terceiro Mundo e hoxe en día actores fundamentais sen os cales é imposible solucionar os problemas do sistema económico mundial. Ao mesmo tempo asistimos á decadencia do imperialismo norteamericano.

-E iso está ben ou está mal?

-Está ben porque o merecen. Non aproveitaron o seu papel de gran potencia para pacificar o mundo, para defender a xustiza, para desenvolver a igualdade. Aproveitaron o seu papel tras a caída da Unión Soviética para dominar máis o mundo, para impor un poder unilateral no canto de aceptar decisións multilaterais.

-A xente ten a sensación de que o mundo está ao revés. Os gobernos axudaron aos bancos, os principais causantes deste desastre, no canto de apoiar aos traballadores.

-Exacto. A xente ten toda a razón, pero ao mesmo tempo hai que coñecer ben a realidade. Esa medida significa que os gobernos non teñen unha autonomía grande respecto ao mundo financeiro. Representan ao pobo relativamente, porque representan sobre todo aos intereses económicos e financeiros. Por iso, o goberno non podía deixar caer aos bancos nacionais porque fose unha crise tremenda. O problema é saber a cambio de que se dan esas axudas. Por exemplo, en EE UU o goberno pediu participar nos consellos de administración dos bancos para ver como usaban ese capital. Ou sexa que o problema é saber onde vai ese diñeiro. En Europa, os gobernos tiñan que dicir aos bancos que tiñan que empregalo en axudar a empresas a crear emprego. Iso fixeron os chineses.

-España non está moi ben situada para saír da fochanca.

-Desde logo que non. España non ten manobra porque economicamente é unha potencia media en Europa e utilizou o seu dinamismo económico dos últimos 20 anos para desenvolver as infrestrucuras do país, permitir un nivel de vida máis alto... pero ao mesmo tempo é un dos países que ten debilidades máis importantes. O paro, os contratos lixo, a burbulla inmobiliaria... Os mercados financeiros empezaron a dubidar de España e eu espero que a situación non desemboque no que ocorre en Grecia.

-España preside agora a UE. Iso axudará a este país?

-Xa o fixo porque conseguiu que siga en Bruxelas un comisario español e iso xa é unha vitoria. Mentres España presida a UE non haberá sancións nin medidas contra o país. O problema da presidencia española é que é un desafío tremendo. España non ten sorte porque asume esta presidencia en situación de crise, nun momento no que hai que pór en marcha o Tratado de Lisboa e é moi difícil politicamente pasar dun texto á práctica.

-As principais vítimas desta crise son tamén os inmigrantes. Como ve a situación desta xente?

-Cando un emigra debe saber que non vai atopar o paraíso no outro lado. Os postos para imigrantes son cada vez de máis baixo nivel, é unha condición que eles aceptan. Pero o problema ten que ver co estado de dereito. Os traballadores nacionais non deben culpar aos inmigrantes dos efectos negativos da crise. A crise provoca unha competencia para conseguir postos de traballo e os nacionais tenden a pedir un dereito privilexiado, pero no mundo do capitalismo o traballo non funciona así e non temos que diferenciar a unha persoa polas súas orixes ou pola súa condición de inmigrante. Na crise os que o padecen máis son os que acaban de conseguir eses dereitos: as mulleres, os mozos, os inmigrantes...

-A crise provocou o retorno de moitos ao seu país.

-Moitos queren volver, pero están á espera de ver o que vai pasar. Cando se trata de inmigrantes con familia aquí é moi difícil que volvan. Polo menos aquí poden acceder a colexio, sanidade, transporte... A súa vida é moito máis fácil. A crise vai provocar problemas identitarios moi importantes e non só entre os inmigrantes. A crise está desestabilizando todas as estruturas sociais.

-Cre que a sociedade española é máis racista agora que fai anos?

-Nunha situación de crise é moi fácil culpar aos estranxeiros e antepor o nacional. Comparado con outras nacións, o pobo español portouse ben, e ata moi ben, cos inmigrantes. O racismo existe en todas partes, pero non sei se en España é racismo ou máis ben temor de non coñecer ao outro. Salvo duas ou tres grandes ocorrencias, o goberno intentou evitar utilizar a inmigración como un arma política. Creo que os partidos que o fan teñen unha grave responsabilidade no auxe da xenofobia e o racismo neste país. Recortar os dereitos aos inmigrantes é o primeiro paso para recortalos logo aos nacionais. Iso experimentámolo en Francia. O pobo non é racista, as elites están xogando coa inmigración de xeito perigoso.

-Ás veces falamos de inmigrantes coma se fosen un número e esquécese que son persoas.

-Para a Unión Europea a inmigración é ante todo un factor de traballo, é unha mercancia social que non ten que ver coa súa dimensión económica. Pero cando non os necesitamos economicamente queremos que volvan á súa casa.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas