GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A Xunta reduce as axudas a emigrantes a pesar de haberse disparado as solicitudes

(23/02/2010)

A Xunta reduce as axudas a emigrantes a pesar de haberse disparado as solicitudes

As peticións creceron un 40% en 2009 pero a partida recórtase este ano en 300.000 euros




PAULA PÉREZ - SANTIAGO A Xunta recortou un 11 por cento a partida que se destina a prestacións para emigrantes en situacións de precariedade a pesar de que se dispararon as peticións de axuda desde a diáspora debido á crise económica. O incremento de solicitudes obrigara xa en 2009 ao Goberno autonómico a ampliar a contía inicial destinada a estas subvencións en 343.000 euros. En total gastáronse ao finalizar o ano máis de 2.643.000 euros para cubrir as necesidades máis perentorias da emigración. Con todo, este ano esta cantidade queda reducida a 2.350.000 euros.
Pero ademais os criterios para conceder estas prestacións son máis restritivos que os do ano pasado. En anteriores convocatorias bastaba con cumprir 65 anos e atoparse nunha situación de precariedade económica para poder optar a estas axudas. Con todo, para 2010 a Secretaría Xeral de Emigración elevou este baremo de idade aos 70. Se se teñen cinco anos menos só se poderán solicitar as subvencións en caso de enfermidade crónica grave que requira de medicación ou dun tratamento que supoña un custo elevado. Tamén se eliminan as axudas que ata agora viñan concedendo "por feitos extraordinarios de carácter puntual".
As prestacións do programa individual que outorga Emigración van dirixidas a aqueles emigrantes que non dispoñan de rendas, ingresos ou patrimonio, os que se atopen nunha unidade familiar en situación de precariedade, os maiores de 70 anos con escasos recursos, as persoas con dependencia, invalidez ou enfermidade permanente, aqueles que se atopen en paro e os que sexan vítimas de violencia doméstica.
Demanda
A crise económica, así como a ampliación da nacionalidade aos netos dos emigrantes, dispararon o pasado ano un 40 por cento as solicitudes que chegaron á Xunta procedentes do exterior. Foron en total 7.000 os galegos residentes na diáspora que reclamaron a subvención da Secretaría Xeral de Emigración.
A partida inicial prevista ese ano de 2.300.000 euros quedou insuficiente e a Xunta habilitou en novembro unha contía adicional de 343.000 euros.
A pesar de constatarse este incremento nas peticións de axuda, este ano a Secretaría Xeral de Emigración decidiu limitar a partida destinada a este concepto a 2.350.000 euros.
A vantaxe da nova convocatoria é que a orde de axudas publicouse un mes antes do previsto, o que permitirá aos emigrantes solicitar as axudas e dispor delas con máis antelación que noutras convocatorias.
Para poder beneficiarse destas subvencións a Secretaría Xeral de Emigración fixou uns baremos que serán puntuados para poder dar prioridade nas axudas aos cidadáns da diáspora con necesidades máis perentorias.
As prestacións económicas que concede a Xunta poderán oscilar, segundo a situación do emigrante e o seu nivel de renda, entre os 150 e os 350 euros.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas