GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

Vecinos de Malpica queren revivir a Casa de España en Chimbote

(15/12/2009)

Vecinos de Malpica queren revivir a Casa de España en Chimbote

O inmoble, fundado por bergantiñáns da emigración peruana, atópase en mal estado de conservación

Autor:
La Voz
Data de publicación:
15/12/2009

 

Malpica ten unha relación moi especial con Chimbote. A localidade peruana, situada na provincia de Ancash, foi un lugar de acollida para moitos mariñeiros locais nos duros anos da emigración, nos 50 e 60.

Durante un tempo, a cidade peruana converteuse nunha pequena Malpica. Alí foron, calcula Luis Novo, descendente dunha familia e nacido alí, preto dun centenar de veciños a buscarse a vida. Sumando fillos e parellas a cifra pasa desa cantidade.

Con todo, a emigración de Malpica a Chimbote foi efémera. Pasaron os anos e a maior parte dos que se foron acabaron regresando á súa terra. O que foi un dos portos pesqueiros máis importantes do mundo -en parte grazas ao saber dos que alí foron a pescar- acabou perdendo ese papel.

Pouco máis dunha década estivo alí a colonia galega. Hoxe poucos quedan xa, pero si recordos dos que alí estiveron e vínculos con aquel pasado que moitos descendentes non queren perder.

Entre eses recordos, vivos aínda, destaca un, un edificio construído entón polos emigrantes e coñecido como Casino Español de Chimbote ou Casa de España, aínda que ben podería haberse chamado Casa de Galicia.

En xullo de 1965 un grupo de emigrantes malpicáns, seguindo os pasos do que moitos outros fixeran antes noutros puntos de América do Sur, decidiron comprar unha parcela para edificar un lugar no que reunirse. Eran 1.500 metros cadrados situados no número 423 de cálea Dique Grau. Seguramente, moitos malpicáns pasaron por alí nalgún momento.

O edificio viviu a súa época de esplendor na década dos 60 e primeiros anos dos 70, pero pronto as circunstancias cambiaron e as cousas empezaron a torcerse. Tamén para o casino.

O primeiro golpe deuno a natureza xusto no momento de maior gloria, cando o porto estaba á cabeza mundial en descargas de peixe. Un terremoto sacudiu a rexión e unha gran parte de Chimbote acabou convertida en cascotes e cascallos.

Morreron 12.000 persoas. Que se saiba, ningún veciño de Malpica. Nada volveu ser igual e moitos empezaron a regresar a casa.

A chegada ao poder en Perú de Velasco Alvarado orixinou a segunda onda de retornados. O temor a perdelo todo nun réxime que aparentaba non respectar a propiedade fixo que outra parte importante dos malpicáns volveron a casa.

Por entón o casino era o lugar de reunión. O sitio en que celebraba actos a embaixada, o salón de baile e orquestras e un restaurante importante na cidade, aínda que indo a menos ao mesmo ritmo que se reducía o número dos seus promotores.

Cara a 1977, conta Luis Novo, xa non quedaba case ningún malpicán en Chimbote, unha cidade na que ata facía pouco os apelidos Chouciño, Novo ou Alfeirán resultaban frecuentes.

O que non se puido volver a casa foi o casino. Pasou de man en man sen novos investimentos, sen obras de mantemento, sen o agarimo dos fundadores. Hoxe segue sendo un restaurante, pero ao parecer o seu futuro é incerto. Pasa por problemas económicos, explica Novo, derivados dunha mala xestión continuada dos seus actuais responsables, e tal e como están as cousas é posible que máis pronto que tarde o edificio acabe embargado por falta de pagamentos. Queren os descendentes dos malpicáns de Chimbote que o final sexa outro e que o casino recupere o seu esplendor de outrora.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas