GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O Parlamento español aproba a nova Lei de Estranxeiría

(27/11/2009)

O Parlamento español aproba a nova Lei de Estranxeiría
EFE , Madrid | 26/11/2009 -

O Parlamento español aprobou hoxe a nova Lei de Estranxeiría que ofrece, entre outras novidades, protección ás estranxeiras maltratadas, acouta a reagrupación, incorpora novas infraccións como os matrimonios fraudulentos e amplía o prazo máximo de internamento de corenta a sesenta días.

O novo regulamento, que superou hoxe a súa cuarta reforma nos últimos oito anos, permitirá ás ONG e entidades privadas asumir a tutela dos menores estranxeiros non acompañados e outorgará ás rexións españolas competencias para conceder permisos iniciais de traballo e de residencia circunscrita ao seu propio territorio.

A reagrupación queda limitada aos fillos menores de 18 anos ou maiores con discapacidade, e aos pais do reagrupante e o seu cónxuxe "cando están ao seu cargo, sexan maiores de 65 anos e existan razóns que xustifiquen a necesidade de autorizar a súa residencia en España".

A Lei tamén detalla os esforzos de integración que deberán realizar os inmigrantes que aspiren a renovar os seus permisos de traballo ou residencia, que inclúen a participación en cursos de formación sobre "valores constitucionais e estatutarios", dereitos humanos "tolerancia e igualdade" e coñecemento das linguas oficiais.

Durante o debate que se celebrou hoxe no Congreso dos Deputados (a Cámara Baixa do Parlamento), o ministro español de Traballo e Inmigración, Celestino Corbacho, definiu a nova normativa como "unha boa lei porque corrixe elementos que discriminaban".

Corbacho asegurou ademais que "mellora os procesos para conseguir o obxectivo de que a inmigración sexa legal e ordenada e potencia os elementos da integración".

Ao seu xuízo, España ten dous retos, por unha banda apostar por unha inmigración legal e doutra banda, apostar "decididamente" por un proxecto de integración para construír unha sociedade "rica e plural".

Pola súa banda, Rafael Hernando, deputado do Partido Popular (PP), o principal na oposición ao Goberno, definiu a nova Lei como unha "reforma parcial e chafalleira" e opinou que o que se fixo é unha "tramitación de urxencia".

Mentres se debatía a Lei, membros dunhas setenta asociacións e ONG, disfrazados de presos de Guantánamo, tacharon a nova normativa de "inhumana" e "inxusta" e entregaron unha carta aberta aos deputados onde detallan o seu rexeitamento e piden o peche dos centros de internamento.

Segundo Amnistía Internacional, esta reforma está centrada na seguridade nacional e no rendemento económico no canto de garantir o respecto ao acceso e á protección dos dereitos humanos.

Ademais, a Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR), Cáritas e a Rede Acolle expresaron tamén a súa preocupación ante a nova lei porque, aseguran, inclúe importantes restricións que afectarán gravemente ás persoas inmigrantes que viven en España.

O texto desta reforma foi aprobado en xuño pasado polo Goberno español como proposta de reforma da Lei orixinal, de xaneiro de 2000.

Desde entón superou varios trámites parlamentarios ata chegar hoxe á súa aprobación final.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas