GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A Xunta expón en Zürich os detalles do programa Retorna Cualifica Emprego, que ofrece 400 postos de traballo en Galicia para emigrantes e as e os seus descendentes

(27/02/2023)

A Xunta expón en Zürich os detalles do programa Retorna Cualifica Emprego, que ofrece 400 postos de traballo en Galicia para emigrantes e as e os seus descendentes

O secretario xeral da Emigración explicou, da man da entidade As Xeitosiñas, as liñas básicas desta medida, promovida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e incluída na Estratexia Galicia Retorna 2023-26.

 

Antonio Rodríguez Miranda estivo acompañado por representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines, encargadas de xestionar esta iniciativa pioneira no eido laboral.

 

O Goberno galego mantén aberto ata o 28 de abril o prazo de solicitudes das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), outra das medidas estrela de fomento do retorno.

 

Imaxe da presentación desta tarde en Zürich

Imaxe da presentación desta tarde en Zúrich

 

Zürich (Suíza), 25 de febreiro de 2023.

 

A Secretaría Xeral da Emigración, xunto ás fundacións Nortempo e Venancio Salcines, continuou hoxe en Suíza, da man da entidade As Xeitosiñas de Zürich, a xira de presentación da nova Estratexia Galicia Retorna 2026 (ERG2026) polos diferentes países do mundo con importante presenza galega. Na reunión celebrada hoxe, á que asistiron case un centenar de galegas e galegos residentes nesta localidade do país helvético, Antonio Rodríguez Miranda salientou a dinamización do ámbito laboral como un dos piares nos que se asenta este documento integral, que busca atraer á Comunidade a 30.000 galegas e galegos do exterior ata 2026.

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, sinalou o peso que o eido laboral ten no documento, que conta con 100 medidas para fomentar o retorno e un orzamento de máis de 450 millóns de euros. 

 

“Entre todas elas, cabe destacar as relativas ao ámbito laboral, xa que contar cun emprego facilita o éxito do regreso e as posibilidades de establecerse de xeito definitivo na nosa sociedade”, engadiu o responsable do departamento do Goberno galego. Por iso, 175 dos 450 millóns cos que conta a EGR2026 destínanse ao desenvolvemento de 37 medidas que teñen que ver coas competencias profesionais e laborais das persoas beneficiarias. 

 

Formación e contrato indefinido

 

O obxectivo do Programa Retorna Cualifica Emprego é ofrecer formación e un contrato indefinido en Galicia para que 400 galegas e galegos do exterior con formación regresen a Galicia este ano cun contrato indefinido na man, ademais de dispor de asesoramento e tutela na súa nova andaina. O Goberno galego investirá case 4 millóns nesta iniciativa coa que se dá un novo chanzo para adaptar as necesidades do mercado laboral á man de obra que precisa, e que permitirá aos seus beneficiarios e beneficiarias volver á súa terra de orixe cun contrato dunha duración mínima de 12 meses e unha axuda económica para financiar os gastos iniciais, tanto da viaxe de ida a Galicia coma outros de establecemento na Comunidade.

 

Esta novidosa iniciativa, promovida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, levarase a cabo a través das fundacións Nortempo e Venancio Salcines, as entidades encargadas da súa xestión e cuxos representantes expuxeron os detalles e os requerimentos para participar no programa.

 

Un mestrado en Galicia

 

A Secretaría Xeral da Emigración mantén aberto, así mesmo, o prazo de solicitudes das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que ofrecen axudas de entre 7.500 e 12.000 aos mellores expedientes universitarios de  cidadás e cidadáns galegos do exterior para cursar un mestrado en Galicia. As persoas interesadas terán ata o 28 de abril para optar a unha destas bolsas.

 

A Estratexia Galicia Retorna 2023-26 duplica tanto en medidas como en orzamento ao anterior, posto en marcha en 2018 e que “marcou un punto de inflexión nas políticas de retorno levadas a cabo en España ata o momento”, segundo sinalou Miranda. Co obxectivo de seguir facendo de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no exterior, o documento incide en catro áreas principais: asesoramento e seguimento, eido social, educativo e laboral.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas