GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O especial “Historias de ida e volta” de febreiro afonda no labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos

(25/02/2023)

O especial “Historias de ida e volta” de febreiro afonda no labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos

Este especial é un proxecto web realizado pola Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, que ofrece fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos anos centrais do século XX.

 

O Parque do Pasatempo de Betanzos, máis que un capricho indiano. Foto: Arquivo da Emigración Galega

O Parque do Pasatempo de Betanzos, máis que un capricho indiano. Foto: Arquivo da Emigración Galega

 

Listen to this page using ReadSpeaker
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2023.

 

O especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, chega a febreiro afondando no labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos.

 

Os betanceiros Juan María e Jesús García Naveira emigraron a Arxentina no século XIX e, tras facer fortuna na outra beira do Atlántico, decidiron poñer en marcha diferentes iniciativas coas que contribuír ao progreso e benestar da súa vila natal. O novo especial de “Historias de ida e volta”, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, reflicte en vinte imaxes e documentos algunhas das obras filantrópicas executadas polos dous irmáns, entre as que destaca a construción dun asilo e dun centro escolar, do lavadoiro público das Cascas ou do Parque do Pasatempo.

 

Ao igual que fixeron moitos outros galegos e galegas a finais do século XIX e principios do XX, os irmáns García Naveira buscaron saída na emigración como medio para crear un futuro máis próspero. Emigrados en Arxentina, foron socios en diversos negocios relacionados co comercio téxtil e de importación. Convertidos en importantes empresarios e situados na elite económica do país, aproveitaron a prosperidade propia para promover o desenvolvemento educativo, cultural, social e material de Betanzos, o seu lugar de orixe. “Este especial está dedicado a dar a coñecer a xenerosidade e o amor pola terra presentes en Juan María e Jesús García Naveira”, afirma a nova entrega de “Historias de ida e volta”, que destaca o feito de que “ambos os irmáns son un claro exemplo do altruísmo materializado polos emigrantes máis venturosos, sempre na procura de sementar sobre o chan natal a caridade e a instrución”.

 

En 1908, os García Naveira crearon o Patronato Benéfico-Docente García Hermanos, a través do cal puxeron en marcha diferentes actividades filantrópicas para os veciños e veciñas de Betanzos, especialmente a prol das clases máis desfavorecidas da vila. Así, por exemplo, financiaron a construción e mantemento dun asilo e dun centro escolar, “una doble institución benéfica de Patronato particular, con el respectivo fin de proporcionar albergue, alimento, vestido y asistencia médica á los ancianos sexagenarios, y alimento, educación y enseñanza a la juventud”, tal e como se especificaba no artigo primeiro dos estatutos do Patronato. As imaxes de ambos os edificios e da visita ao asilo que fixo o propio Juan María García Naveira en 1915, así como o regulamento que establecía as obrigas que debía cumprir o persoal docente das escolas García Hermanos, forman parte dos materiais que se inclúen no especial número 26 de “Historias de ida e volta”. Ademais desta obra, Jesús García Naveira deixou escrita no seu testamento a doazón de 50 000 pesetas para financiar a construción dun novo edificio educativo para a vila. O centro, inaugurado en 1918, funcionou durante gran parte do século XX como escola municipal de primeira ensinanza para moitos dos nenos e nenas do municipio. A fotografía do edificio, na que se pode apreciar a súa magnificencia, inclúese tamén no especial.

 

Xunto co asilo e as escolas, outra das obras filantrópicas dos irmáns García Naveira foi a edificación do lavadoiro das Cascas, unha infraestrutura “de grande utilidade para os habitantes do Betanzos da época”, tal e como subliña o especial. Porén, se financiar obras que satisfixesen as primeiras necesidades da veciñanza era unha das pretensións chave dos García Naveira, tamén o era a de crear proxectos que contribuísen a ampliar a visión do mundo que tiñan os betanceiros e betanceiras. Con ese fin, Juan García Naveira impulsou a construción do Parque do Pasatempo entre os anos 1893 e 1914, a través do que buscaba compartir as vivencias e os coñecementos que adquirira nas súas viaxes por países como Exipto, Francia, Suíza e Italia, así como por diferentes cidades de España. Elementos distintivos deses lugares foron reproducidos nos xardíns, como o Estanque do Retiro, cuxo nome alude ao de Madrid e no que cada elemento semella unha reprodución dun homólogo noutros países. O especial, ademais da propia imaxe dese estanque, recolle outros espazos do parque: a entrada principal do Pasatempo, o paseo dos Emperadores Romanos, a Fonte da Agricultura ou a Terraza do Mestre coa súa escultura do León Colosal.

 

Complementan os materiais desta entrega o retrato de Jesús García Naveira e unha estampa familiar de Juan María García Naveira; as novas do seu pasamento; a casa familiar que tiñan en Betanzos, e a fotografía da praza do Campo, que en 1925 pasou a levar o nome dos filántropos como símbolo do agradecemento de todo un pobo polo seu labor a prol das melloras na vila.

 

O proxecto “Historias de ida e volta”

 

O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta” para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En máis de 20 entregas documentáronse os procesos de saída e chegada, a vida social e cultural, etc., para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas