GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A Xunta promove a implicación das entidades empresariais e sectoriais de Galicia no programa Retorna Cualifica Emprego

(03/02/2023)

A Xunta promove a implicación das entidades empresariais e sectoriais de Galicia no programa Retorna Cualifica Emprego

O Consello acordou o texto dun protocolo de adhesión para que clústeres, asociacións de empresarias e empresarios e outras entidades sectoriais aproveiten a oportunidade da Estratexia Galicia Retorna 2023-26 para dar difusión e cubrir as súas vacantes.

 

O obxectivo da Xunta de Galicia é poder facilitar o regreso dunhas 400 galegas e galegos do exterior este ano, polo que canalizará as necesidades de profesionais dos sectores non cubertas por residentes en Galicia.

 

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta

 

Listen to this page using ReadSpeaker
 

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2023.

 

O Consello do Goberno galego acaba de dar o seu visto e prace ao texto do protocolo que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofrecerá a clústeres, asociacións empresariais e outras organizacións sectoriais para que se impliquen no programa Retorna Cualifica Emprego co que se pretende que unhas 400 persoas retornen a Galicia cun contrato indefinido. 

 

A adhesión ao documento resultará fundamental para atender a demanda de profesionais que precisan as empresas -nos casos en que non se estea a cubrir coas persoas residentes en Galicia- e poder ofrecer eses postos a galegas e galegos retornados que volvan á Comunidade para desenvolver o seu proxecto vital. 

 

O programa Retorna Cualifica Emprego, que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, favorecerá o regreso de galegas e galegos no exterior, irá acompañado dun plan personalizado de cualificación e empregabilidade, así como de recursos de formación e a formalización do correspondente contrato de traballo.

 

Aínda que a Xunta de Galicia prevé destinar a este programa cerca de 4 millóns de euros en 2023, o vencello das entidades a el a través do protocolo non implica ningunha contraprestación económica.

 

Unha vez formalizada a súa adhesión, clústeres, agrupacións empresariais e outras entidades interesadas, establecerán fórmulas de colaboración para a divulgación e comunicación dos obxectivos do programa coa finalidade de que as empresas coñezan a posibilidade de que as ofertas de emprego que non se cobren por falta de candidaturas no Servizo de Emprego de Galicia, poidan ser cubertas a través de persoas galegas residentes no exterior. 

 

Invitarase ademais ás entidades representativas dos diferentes sectores adheridas ao protocolo a participar en xornadas, foros e actos de divulgación do programa e habilitarase unha canle específica de referencia no Servizo de Emprego de Galicia á cal poidan dirixirse as firmas interesadas en lanzar as súas ofertas a través do Retorna Cualifica Emprego. Con este protocolo, a Xunta de Galicia pretende amplificar o coñecemento entre o tecido produtivo galego das oportunidades desta iniciativa. 

 

Retorna Cualifica Emprego é o primeiro dos programas cos que a Área de Promoción do Emprego pretende promover o regreso de galegas e galegos menores de 50 anos residentes no exterior con interese en incorporarse ao mercado laboral na Comunidade. Con estas medidas, o Goberno galego contribúe ademais a atenuar a situación demográfica de envellecemento que afecta á Comunidade e facilita o dereito das persoas galegas e da súa descendencia a regresar a Galicia. 

 

O programa Retorna Cualifica Emprego forma parte da nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 (ERG2026), que duplica tanto en número de medidas (un cento) como en orzamento (450 M€) á súa predecesora, a Estratexia Retorna 2020, aprobada en 2018 e que mantivo a súa vixencia ata 2022. O documento marca como obxectivo facilitar o regreso á súa terra de 30.000 galegas e galegos do exterior nos vindeiros catro exercicios, o que incrementaría nun 35 % o fluxo actual de retorno ata as 7.500 persoas cada ano. 

 

Das catro áreas en que incide a Estratexia, a laboral é a que aglutina unha maior cantidade de medidas (37), seguida da educativa (30), a social (25) e a de asesoramento, seguimento, coordinación e control (8). 

 

A Estratexia Galicia Retorna parte da idea do retorno non só como un dereito, senón como unha vantaxe competitiva para incorporar á sociedade galega persoas de distintos países coa súa formación e experiencia profesional e tamén como unha oportunidade para superar o complexo reto demográfico que ten por diante a nosa comunidade. No marco desta intensificarase o asesoramento tamén ao emprendemento e ao autoemprego das e dos galegos retornados -en especial no rural- e facilitarase a súa participación en accións de inclusión sociolaboral, reforzando a capacitación das habilidades transversais máis demandadas polo mercado e apostando por programas de desenvolvemento persoal da xuventude retornada.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas