“Se queredes votar, poderedes votar”, asegura o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, nun vídeo publicado nas redes sociais sobre a reforma do voto emigrante, publicada onte no Boletín Oficial do Estado (BOE). Coa supresión do voto rogado, un sistema pactado fai once anos por PP e PSOE polo que os españois no exterior deixaron de recibir automaticamente as papeletas nos seus domicilios e para poder participar en autonómicas, xerais e europeas –nas municipais quedaron vetados coa reforma de 2011– debían pedir documentación electoral e cumprimentar uns trámites, reábrense as urnas a case 470.000 galegos na diáspora, o 21% do censo electoral da comunidade.

 

A reforma permitirá que os residentes no estranxeiro reciban a documentación electoral sen ter que pedila e poderán imprimir as papeletas desde as súas casas. Tamén establece novos prazos para o depósito do voto en urna (amplíanse de tres a sete días) e para a apertura de sácalas procedentes da emigración (de tres a cinco días, atrasando no mesmo intervalo o prazo do escrutinio xeral). “Esta medida é imprescindible se se quere que o esforzo de participación democrática dos nosos concidadáns no estranxeiro sexa tomado en consideración, pois o prazo actual de tres días desde a data da votación ata a de apertura dos votos remitidos desde o estranxeiro demostrouse insuficiente para garantir a recepción deses votos”, recolle o BOE.

 

“Desaparece a xincana que os dous millóns de españois e españolas que vivides fóra das nosas fronteiras tiñades que facer para ir votar”, engade Bolaños no vídeo publicado onte. “A partir deste momento será moito máis fácil e con todas as garantías”, asegura.

 

 

O cambio no sistema de votación tamén reforza o sistema de identificación dos votantes, no caso do voto por correo. Continuará sendo obrigatorio incluír no sobre dirixido á Xunta Electoral correspondente, xunto ao sobre de votación, unha fotocopia do pasaporte ou o DNI expedido polas autoridades españolas, ou un certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular.

 

Para facilitar a participación, ampliaranse os centros para votación, non só as embaixadas senón todos os consulados e os centros oficiais que se habiliten. Tamén se ampliarán os horarios e días de votación. Ademais, protexerase o envío dos votos establecendo que se fagan chegar a España por valija diplomática.