GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

A memoria da emigración da localidade coruñesa de Ares, recompilada en tres edicións facsímiles

(30/09/2022)

A memoria da emigración da localidade coruñesa de Ares, recompilada en tres edicións facsímiles

 

‘Proa ao Mar e á Terra’, ‘Como se chega a millonario’ e 'Campaña político-social e anticaciquil de Juvenal’, esta última presentada no Ares Indiano 2022, son as tres publicacións que exemplifican o fondo compromiso do Concello de Ares (A Coruña) co pasado do municipio.


Redacción, A Coruña
Crónicas da Emigración 29/09/22 -

 

Memoria Emigracion en Ares

Os volumes que se editaron en edición facsimil.


Nestes últimos anos, o número de obras intimamente relacionadas coa divulgación da vida mariñeira e a difusión da pegada dos emigrantes aresáns na súa localidade non fixo máis que medrar. De feito, xa son tres as publicacións que orbitan ao redor da memoria local recuperando a voz de figuras indianas importantes para o pasado da vila: ‘Como se chega a millonario’, de Miguel Bendamio; ‘Proa ao Mar e á Terra’, de Agustín Bugallo; e, por último, os textos xornalísticos de ‘Campaña político social e anticaciquil de Juvenal’ –o máis recente–; tres publicacións que supoñen a materialización en texto da liña de traballo que vén desenvolver o Concello, moi centrada en poñer en valor a historia de Ares.

De feito, o arranque desta edición de facsímiles vincúlase directamente coas propias bases do Ares Indiano, entendendo a celebración non só como unha actividade lúdica, senón tamén como un evento que axuda a propulsar iniciativas que divulgan e contextualizan o pasado do municipio.

Ante a cuestión de como é posible atopar o material orixinal que serve de base para a publicación dos textos, Alma Barrón, concelleira de Cultura, nomea un dos elementos crave: “O involucramento da veciñanza é fundamental. Son eles os que achegan as obras orixinais, prestándose a que as tratemos, tamén porque co tempo poden ver que hai un traballo de recuperación sólido e importante desde o Concello feito con moito agarimo”. Da man da veciñanza, xunto co esforzo municipal, está tamén o labor coordinado que se fixo co Consello da Cultura Galega para a edición do primeiro dos facsímiles.

Sexa como for, o primeiro manuscrito orixinal, ‘Como se chega a millonario’, chegou á institución local a través do veciño Agustín Suárez, e os seguintes grazas a Jesús Vilasánchez, precisamente pertencente a unha familia con antepasados indianos. “Aínda que foi complicado ao comezo, nós sempre consideramos que poder acceder a este tipo de obras é moi necesario que estean nos arquivos públicos para todas as persoas que desexen consultalas”, detallou Barrón.

Da non-ficción xornalística á autobiografía

As publicacións dispoñibles a día de hoxe parten de relatos distintos na temática e no xénero. ‘Como se chega a millonario’, a primeira das obras recuperadas pola área de Cultura, trátase dunha obra de ficción que afonda no proceso de mellora económica dos emigrantes con máis éxito, ademais tamén na importancia de lembrar as orixes e axudar á prosperidade de Ares. Do texto de ficción pásase á autobiografía na segunda obra, ‘Proa ao Mar e á Terra’, coa experiencia persoal do indiano Agustín Bugallo en Cuba e o seu regreso á vila, incluíndo a súa descrición particular da sociedade aresá nos albores do século XX.

E a todo isto súmaselle o presentado este 2022, no seo do Ares Indiano: ‘Campaña político-social e anticaciquil de Juvenal’, unha non ficción xornalística que mostra a conciencia política e social, anticaciquil, do primeiro terzo do século XX. Ademais, a pesar das diferentes temáticas e xéneros, coincídese sempre no mesmo factor: a súa condición de indianos que colocan arriba da mesa a fonda pegada da emigración transoceánica na sociedade do momento.

Os tres facsímiles poden consultarse na biblioteca municipal de Ares e están dispoñibles para préstamo. Coa mirada no futuro, a Concellería de Cultura traballa xa nunha seguinte publicación, ben en formato de reedición, ben noutra edición facsimilar, que divulgue o relato persoal de Francisco Rodríguez ‘Canelo’, migrante en Cuba marcado polo cambio constante de oficio: carboeiro, violinista e ata libreiro alén do mar.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Marzo 2024
LMMeXVSD
    123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas