O programa, que recupera a convocatoria para os centros galegos de América, desenvolverase do 7 ao 14 de novembro, realizando pequenas etapas do Camiño de Santiago.
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022.
A Secretaría Xeral da Emigración publica hoxe na súa páxina web os listados definitivos de solicitudes admitidas e excluídas no programa “Reencontros co Xacobeo” deste ano e que ten como obxectivo facilitar que 205 persoas de máis de 65 anos, vinculadas ás entidades galegas do exterior, poidan achegarse ao Camiño de Santiago.
Esta iniciativa ten como obxectivo promover os lazos das persoas vinculadas ás entidades galegas con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago que existen tanto no resto das comunidades autónomas, como nos países europeos. Este ano vólvese abrir a convocatoria tamén aos centros galegos de América. O próximo luns, día 12 de setembro, terá lugar o sorteo de prazas ao superarse o número de solicitudes presentadas.
O obxectivo é que, unha vez vivida a experiencia, as e os participantes poidan colaborar como axentes activos na promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno do Ano Santo Xacobeo nos lugares en que as entidades teñen a súa sede.
Esta iniciativa desenvolverase do 7 ao 14 de novembro. Consiste en realizar pequenas etapas do Camiño de Santiago e un achegamento ao patrimonio cultural e natural das respectivas zonas visitadas.
Este programa, que conta cunha dilatada traxectoria, desenvolveuse o ano pasado e o actual centrados no Ano Santo de cara a promocionar o Xacobeo sen perder o espírito de reencontro con Galicia co que naceu esta iniciativa fai máis de 30 anos.