O Festival Internacional de Cinema de Ourense, o OUFF, estreará a reconstrución que Pepe Coira realizou sobre “Canto de emigración” (1934), o desaparecido filme de Antonio Román, considerado un dous grandes tesouros desaparecidos da nosa cultura contemporánea, inspirado nun debuxo de Castelao sobre o drama da emigración, e que conta a historia dun campesiño galego que deixa a súa vida na aldea para marcharse a América a buscar fortuna, pero regresa pobre e enfermo. Rodado na provincia, ten como protagonista ao ourensán Celso Madriñán.

 

“Canto de emigración (Romance en imaxes sobre motivos galegos)”, que se poderá ver no OUFF, entre o 23 de setembro e o 1 de outubro, é un curto que foi recibido na súa época como un dos raros exemplos de cinema de vangarda en España e do que hoxe non existe ningunha copia. Realizouse en 1934 a poucos quilómetros de Ourense, en Coles, Ribela, Malvedo, e na propia capital da provincia, entre outros lugares. O protagonista, que practicaba teatro afeccionado, foi elixido pola súa aparencia física, xa que ao ser delgado podía facer de home emigrado que regresa enfermo, e pola súa expresión de tristeza natural. O resto dos personaxes foron interpretados por algúns veciños de Coles, a maioría campesiños, e a música foi composta por Teódulo Páramos.

 

A película, inspirada nun debuxo de Castelao sobre o drama da emigración, dura uns vinte minutos, e é moi propia da época. Concíbese como “cinema puro”, ao estilo da Romanza sentimental de Eisenstein, unha obra cunha coidada estética visual combinada cunha música composta ad hoc.

 

 

Pepe Coira reconstrúe “Canto de emigración” mediante os materiais que quedan da película. Non é unha restauración ou unha versión, senón un traballo que permitirá que o espectador imaxine algo que está hoxe perdido. Non se conservan copias, pero si dunha serie de elementos que fan posible imaxinar como foi. Un é o seu guion, un texto que Román escribiu para unha revista de cinema no que detalla, secuencia a secuencia, e cunha linguaxe poética, o contido da película. Tamén se conservan fotos da rodaxe, que mostran como estaba caracterizado o protagonista, ese home que regresa enfermo. Fotos,ata agora descoñecidas, que conserva a familia de Madriñán.