GALEGO | ESPAÑOL

PORTAL DA INMIGRACION NOS CONCELLOS DE GALICIA
ObxectivosIntegraciónFerramentas
-LexislaciónOrganismos-

O final do voto rogado impactará en 102.000 ourensáns no estranxeiro

(09/06/2022)

O final do voto rogado impactará en 102.000 ourensáns no estranxeiro


Voto emigrante web
Reconto do voto emigrante en Ourense nas últimas eleccións xerais


A Rexión Internacional 09/06/2022
A Rexión - Pablo Galán e S. Conde


Algo máis dunha década despois de que se reformase a lei electoral para implantar o voto rogado para os electores residentes no estranxeiro, o Congreso dará hoxe o penúltimo paso para que sexa historia. O cambio lexislativo apoiado en 2011 por PP, PSOE, CiU e PNV, que se tramitou co obxectivo de controlar posibles casos de fraude, terminou converténdose nun muro case infranqueable para poder participar fóra de España nas eleccións Autonómicas e Xerais (nas Municipais os electores no estranxeiro non teñen dereito a voto), afundindo a participación da diáspora a cifras ridículas, convertendo a este electorado en insignificante cando no contexto anterior chegaba mesmo a ser decisivo en varios comicios.

A nova redacción da lei que se aprobará hoxe na Cámara Baixa e cuxa entrada en vigor prevese para o próximo outono, será efectiva (salvo un xiro de guion inesperado) nas próximas eleccións Xerais e a provincia de Ourense será á que máis afecte en España o cambio lexislativo, que supoñerá que xa non sexa necesario que os electores reclamen o seu dereito para votar, senón que a documentación remitiráselles de oficio e, despois, poderán participar en urna en embaixadas ou consulados ou por correo, ampliándose tamén os prazos para facilitar o proceso.

Á cabeza

 

Segundo os últimos datos do censo electoral, ao 1 de maio de 2022, son 102.733 persoas as que ten Ourense no estranxeiro como circunscrición para votar, o que supón un 28,7% do censo total, unha porcentaxe que queda moi lonxe do 20% de Lugo e do 15% da Coruña e Pontevedra, mentres que no conxunto de España representa apenas o 6%.

Coa desaparición das trabas, todos os expertos coinciden en que supoñerá un estímulo na participación do votante no estranxeiro, afeito nos recentes comicios a problemas como que, incluso pedindo o voto, non lles chegasen as papeletas.

As cifras de cada elección falan tamén por si soas. Nas Xerais de 2008, últimas no ámbito estatal ata a data sen sufraxio rogado, a participación da diáspora ourensá foi do 32,28%, mentres que tres anos despois, xa coa modificación lexislativa en vigor, a porcentaxe esborrallouse ata o 3,6%, tocando chan en 2015 cando apenas participaron o 2,08% do censo.

Nas Autonómicas, a historia é equiparable, xa que en 2009 animáronse a votar no estranxeiro o 21,2% de ourensáns do censo total, mentres que tres anos despois caeu en picado ata o 2,75%. Nos últimos comicios galegos, en 2020, a porcentaxe foi aínda máis insignificante, ao quedar en só o 1,02%.

PP e PSOE destacan que será algo "moi beneficioso"

 

O presidente do PP provincial, Manuel Baltar, mostra a súa “satisfacción ao cumprirse unha dás demandas que levamos plantexando desde hai tempo aquí, xa que se trata de facilitar o dereito a voto”. O popular lembra que “os que están fóra son tamén donos do destino do noso territorio, polo que calquera complicación para a liberdade de voto hai que derrubala”.

Pola súa banda, o secretario de Emigración do PSOE de Ourense, Luís Gulín, destaca que “é clave poñerllo á xente doado e sen dúbida vai ser beneficioso”, lembrando que “axudarán moito as novas tecnoloxías”. O socialista considera que supoñerá un incremento notable na participación e augura que “sobre todo o voto europeo vai revitalizar moito”.

Preto de tres de cada 10 rexistrados, na Arxentina

 

A configuración do censo de residentes ausentes (CERA) da provincia de Ourense está nutrida especialmente polos ourensáns que, ou ben botaron raíces no estranxeiro tras emigrar a Sudamérica ou que, xa naceron alén do charco. Dos 102.733 posibles electores repartidos en 95 países do planeta, case tres de cada 10 están na Arxentina, case 29.700.

O podio de países nos que hai máis ourensáns con dereito a voto nunhas Xerais ou Autonómicas complétano Cuba, con máis de 14.000, e Brasil, con máis de 10.100 persoas, segundo os datos máis actualizados do INE.

Europa

 

Aínda que tamén Venezuela e México cóanse na listaxe de países con máis ourensáns con dereito a voto, tamén países europeos destinos habituais da emigración están na clasificación. En Suíza hai 7.846 ourensáns que poden participar. Mentres, en Francia hai máis de 5.000 persoas e en Alemaña 4.760, reflicten os datos do censo.

 

 

Novas e Actualidade


Titulares
Histórico


 ACTIVIDADES

Abril 2024
LMMeXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930     
       



 AREA DE TÉCNICOS

 Usuario:
 Contrasinal:
 

 
¿Olvidou o seu contrasinal? | Alta

OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO

(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
FEGAMPinmigracion@fegamp.es
Xunta de Galicia

Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas