Galicia é un territorio asociado á emigración ata o punto do Arxentina foi definida como a quinta provincia da comunidade, en alusión ao peso dos galegos naquel país, onde precisamente ese nome é empregado para referirse a calquera español. A diáspora da postguerra e durante a ditadura, as novas xeracións de galegos e a emigración asociada ás crises económicas da última década converten ao fogar de Breogán na comunidade que maior número de cidadáns ten repartidos polo estranxeiro.

 

Dos 853.779 cidadáns españois que viven fóra do Estado, o 17,15% é oriúndo de Galicia, o que supón unha cifra de 146.423, segundo os datos de emigración e poboación elaborados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos onte por Efe. A procura de emprego sitúase como o principal motivo para abandonar a comunidade de orixe, segundo expertos como Adolfo Maza, profesor no Departamento de Economía da Universidade de Cantabria, que apunta ese motivo en declaracións a Efe.

 

O peso de Galicia na emigración triplica a porcentaxe de poboación que os case 2,7 millóns de galegos representan sobre os máis de 47 millóns de españois: 5,68% fronte ao citado 17,15%. Dos 853.779 cidadáns da diáspora, seis de cada dez proceden de Galicia, Cataluña (126.296, que representan o 14,79%), Madrid (120.794, o 14,15%) e Andalucía (117.251, o 13,53%), aínda que estas tres últimas son os territorios máis poboados do Estado, fronte a unha Galicia que é unha das principais vítimas da crise demográfica.

 

A continuación figuran nesta listaxe Castela e León (61.962, o 7,26 %), a Comunidade Valenciana (54.970, o 6,44 %), Canarias (36.837, o 4,31 %), País Vasco (36.524, o 4,28 %), Asturias (31.741, o 3,72 %), Castela-A Mancha (21.826, o 2,56 %), Aragón (19.619, o 2,30 %) e Murcia (19.032, o 2,23 %).

 

Terceiro lugar

 

Os datos do INE permiten coñecer tamén onde naceron os residentes en cada comunidade, e nesta estatística sobresaen Estremadura, Galicia e Andalucía como as rexións con maior proporción de habitantes autóctonos, cun 85%, un 84,54% e un 82,67 %, respectivamente.

 

No lado oposto figuran Baleares e Madrid, onde só o 54% e o 56% dos seus habitantes, respectivamente, naceron alí, e en menor medida a Comunidade Valenciana (65,77%), A Rioxa (64,63%) e Cataluña (63,69%).

 

Entre ambos os extremos oscilan o restantes nove autonomías: Castela e León (79,89%), Asturias (78,78%), Cantabria (72,99%), Murcia (72,46%), País Vasco (71,27%), Canarias (71,02%), Aragón (70,70%), Castela-A Mancha (68,65 %) e Navarra (67,51%).

 

Os fluxos de migración interior provocaron que, por exemplo, o 15,75% das persoas nadas en Castela-A Mancha, o 13,16 % en Estremadura e o 12,84 en Castela e León residan actualmente en Madrid.

 

O mesmo ocorre en Cataluña, onde se trasladaron o 7,55% dos nados en Estremadura, o 7,35% en Aragón e o 6,14% en Andalucía; ou na Comunidade Valenciana, que acolle agora ao 9% dos naturais de Estremadura.