(15/03/2022)
14 mares 2022 .
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, admitiu esta mañá en Santiago que descoñece cantos refuxiados ucraínos chegaron ata o momento á comunidade galega. A proliferación de iniciativas de particulares, de colectivos e de empresas, en moitos casos con acollemento directo aos seus familiares por parte dos 700 ucraínos que residen en Galicia, está a dificultar que chegue á administración estatal esa información, que é clave para poder facilitarlles a todos eles os recursos que precisen. Por iso o delegado do Goberno, tras reunirse co presidente da Fegamp, Alberto Varela, fixo un chamamento para que eses datos se fagan chegar por distintas canles, como o formulario web dispoñible en https://www.inclusion.gob.es/uk/ucrania / ou no correo electrónico apoyo.ucrania@inclusion.gob.es. Miñones engadiu que no teléfono gratuíto 910 474 444 facilítase información,mesmo en idioma ucraíno, sobre que trámites deben realizar os cidadáns ucraínos para ter dereito a prestacións como sanidade, educación ou vivenda.
Cidadáns invisibles para a administración
A cuestión é que, de non rexistrarse e constar oficialmente, eses cidadáns son invisibles para a administración, que non pode determinar os recursos que precisan, e os propios refuxiados atópanse sen acceso ás axudas postas en marcha de forma inmediata para eles. «Neste intre hai moitos actores tratando de botar unha man, e por iso é moi importante que a canle de información sexa única», dixo Alberto Varela, quen engadiu que na práctica os concellos están a ser porta de entrada de moitos refuxiados, que se achegan ata eles a solicitar información. A Fegamp informou xa ao Estado da oferta por parte dos municipios galegos de máis de mil prazas en vivendas, para estancias que augura prolongaranse en moitos casos máis dun ano.
|
OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO
(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
inmigracion@fegamp.es
Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas