(14/03/2022)
Alemaña sobe o mínimo exento fiscal para os xubilados retornados
A Voz REDACCIÓN / A VOZ
W. Eckert
A escalada dos prezos levou ao Goberno para elevalo ata os 10.347 euros anuais
11 mar 2022 .
O Goberno alemán decidiu ter en conta a crecente subida de prezos e corrixiu á alza o mínimo exento fiscal, a partir do cal os xubilados galegos retornados tributan un 5 % da pensión xerada naquel país. Así o confirmou o PSOE ourensán, concretamente desde a secretaría provincial de Migracións, que encabeza Luís Gulín.
Deste xeito, o mínimo exento pasa dos 9.984 euros anuais que estaban fixados para este 2022 aos 10.347 euros. «Esta medida beneficia aos emigrantes retornados dese país, obrigados desde o ano 2015 en tributar un 5 % anual sobre as súas pensións xermanas que se cobran por primeira vez», explica Gulín.
A través dun comunicado, a secretaría provincial de migracións anuncia tamén que nas próximas semanas desenvolverá sesións informativas en varios puntos da provincia de Ourense sobre a declaración da renda 2021 para emigrantes retornados. «Tense en conta polo fisco alemán a totalidade dos ingresos que se declaran en España, por tanto inclúense tamén no cómputo as pensións españolas», engade.
Lembra tamén que, de momento, moitos dos emigrantes retornados de Alemaña están a recibir as liquidacións dos anos 2019 e 2020, xa que debido ao covid, no país xermano estableceuse un período especial de declaración da renda para o ano fiscal 2020 que finaliza en novembro deste 2022. «Por esa razón están a atrasarse as liquidacións do ano fiscal 2021», indican desde a área de Migracións do PSOE ourensán.
Igualmente, anunciou unha campaña en colaboración coas asociacións de emigrantes retornados, por mor de que a embaixada de España en Berlín informase de que os retornados de Alemaña poderán acudir aos consulados para solicitar a prestación alemá por dependencia.
Prestación por dependencia
Esa axuda é só para aqueles que reciben unicamente a pensión de Alemaña e ningunha prestación española. Quen cumpra con ese requisito poderán dirixirse aos consultados da súa antiga demarcación, é dicir, Hamburgo, Düsseldorf, Frankfurt, Múnic, Stuttgart e Berlín. Alí recibirán apoio técnico e asesoramento, ao que se sumará en Galicia a campaña anunciada polo PSOE ourensán.
Nos actos que ten previsto organizar nas cabeceiras de comarca informarase aos afectados dos trámites a realizar ou a documentación que é necesario presentar. Tamén se abordarán as diferenzas que existen entre as prestacións de dependencia de Alemaña e España e resolveranse dúbidas.
|
OBXECTIVOS | INTEGRACIÓN | FERRAMENTAS | LEXISLACIÓN | ORGANISMOS | NOVAS | CONTACTO
(c) 2009 FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias :: Texto legal
inmigracion@fegamp.es
Desarrolo: AVA Soluciones Tecnológicas