O venezolano Jhonatan Reiley, solicitante de protección internacional, chegaba a Galicia o 14 de marzo de 2020, poucas horas antes de que se declarase o estado de alarma polo COVID. Dous anos despois é alumno no Máster en Dirección Integrada de Proxectos, na Facultade de Ciencias dá Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. Fíxoo como un dos seleccionados, xunto a outra persoa que prefire non ter presenza pública por motivos de seguridade, na convocatoria de axudas impulsada este ano pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación para facilitar o acceso a estudos universitarios de beneficiarios e solicitantes de protección internacional.

 

“As bolsas para refuxiados son unha moi boa iniciativa de integración e pluralidade de oportunidades”, admite Reiley, que lembra que ademais da situación sanitaria provocada polo COVID os últimos anos estiveron marcados “por unha crise social” na que “moitos viron” na migración “unha posible solución”. Dirixidas a facilitar “ás persoas refuxiadas a realización de estudos, preferentemente oficiais, que permitan a súa integración no noso país”, como explica a directora da área de Responsabilidade Social e Cooperación, Henar Quintas, nesta primeira edición recibíronse “seis solicitudes válidas” e concedéronse dúas bolsas, cun importe máximo de 3.000 euros, que incluía os gastos de matrícula, dotación económica para a subsistencia e axuda á residencia.