Un total de 332 persoas afgás xa foron trasladadas aos centros do sistema de acollida estatal dunha ducia de comunidades autónomas, segundo informou o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. A Galicia foron trasladados un total de cinco.

 

Os refuxiados son enviados a centros dependentes de entidades sociais que teñen formalizado un acordo co Goberno e a Xunta aínda non fora informada.

 

Pola súa banda, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que canaliza a axuda solidaria do municipalismo co pobo afgán, recibiu ata o momento o ofrecemento de trece concellos e unha deputación para acoller aos refuxiados.

 

Así, lembran que, “en previsión dun eventual chamamento de acollida e como xesto de solidariedade”, o venres pasado a Fegamp lanzou unha circular para solicitar a predisposición das entidades locais galegas para prestar axuda na medida das súas posibilidades.

 

Neste tres primeiros días, informa, 13 concellos e unha deputación fixeron chegar a súa oferta, “sinalando a súa capacidade de aloxamento e características de habitabilidade”.

 

Coa resposta obtida ata este momento “xa se podería acoller a máis dun centenar de afgáns e afgás cumprindo as limitacións derivadas das medidas preventivas pola COVID-19”, apunta. As entidades locais puxeron a disposición as solucións ao seu alcance: desde pavillóns ou albergues para unha acollida provisional ata antigas casas de mestres e outras vivendas.