A Deputación de Pontevedra vén de ofrecer a súa colaboración na resolución da crise humanitaria derivada da evacuación de Afganistán. Así, a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, comunicou á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a disposición da Deputación para acoller a 22 persoas de maneira individual na Residencia da Cidade Deportiva do Centro “Príncipe Felipe”, cifra que podería incrementarse ata un total de 35 se as persoas acollidas son unidades familiares que formen grupos burbulla.

 

Carmela Silva confirmou a disposición da Deputación para botar unha man “ante a dramática situación producida en Afganistán”. “Queremos cooperar, unha vez máis, na acollida das persoas que necesiten asilo en España”, asegurou a presidenta provincial. Para iso, tivéronse tamén en conta os recursos existentes e os condicionantes derivados da pandemia, a efectos de garantir os protocolos de protección e prevención sanitarias nun centro, ao que a Deputación está a prestar unha intensiva atención e seguimento desde o comezo da pandemia.

 

A Fegamp comezou hoxe a recompilar información sobre a dispoñibilidade das distintas entidades da Administración local galega de face a resolver a crise humanitaria en Afganistán co obxectivo de trasladar toda a información ás autoridades competentes e colaborar así a organización do operativo de acollida.