Nigrán tende unha man aos afgáns que foxen do horror talibán. O Concello ofrecerá a Residencia de Tempo Libre de Patos aos refuxiados, respondendo así á petición da Federación Galega de Municipios e Provincias, que pediu ás localidades que cedan espazos para a acollida de afgáns. No caso de Nigrán, consideran a residencia de Patos como “un fogar idóneo”, xa que é unha instalación que só ten actividade de xuño a setembro, dispón de camas, habitacións individuais, cociña industrial e comedor.

 

“Cumpre con todos os requisitos que necesitaría un fogar de acollida”, indica o alcalde e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, quen incide en que é unha residencia fronte ao mar, totalmente accesible, con 150 prazas e habitacións individuais de 2 e 3 camas.

 

“Trátase dun lugar que, precisamente, está infrautilizado pola Xunta, quen o xestiona. Está pechado a maior parte do ano; tanto traballadores como Concello cremos que non ten sentido esa situación”, insiste Juan González, seguro de que “sería unha ocasión marabillosa para darlle unha utilidade verdadeiramente social e solitaria. Estariamos moi orgullosos de que Nigrán puidese colaborar desta maneira nesta crise humanitaria”.

 

“Oxalá non sexa necesario utilizala, pero desde Nigrán temos sorte de poder colaborar nesta crise con este espazo que xa está dotado e que non ten actividade algunha”, conclúe o alcalde e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.