A escritora, xornalista e política María Xosé Porteiro presenta este venres, no Museo Municipal de Ponteareas, ás 19.00 horas, a súa obra “Sándalo”. Mediante letras con son a Cuba, a autora pon en valor o papel transcendental que xogou a emigración galega no conxunto da historia. Unha historia na que, como case sempre, as mulleres perden o dobre. “Sándalo” entoa un berro de liberdade baixo cartas, ordes de mando, de puños no alto e dúas oportunidades.

 

–¿Que significa para vostede “Sándalo”?

 

–É algo real. Eu teño unha caixa de sándalo, que é unha das cousas que trouxen de Cuba e, cada vez que a vexo, ao abrila, ábrese a miña memoria e a miña memoria, claro, ten que ver con Cuba.

 

–En Sándalo “”, vostede pon en valor o papel da emigración... ¿É a parte esquecida da historia?

 

–A emigración é un proceso que, no noso caso, dura case 200 anos. Dous séculos é demasiado tempo para que sexa algo puntual... Hai moitas familias galegas e cubanas que teñen vínculos e escenarios compartidos. Son protagonistas na construción de lugares tan, aparentemente, distintos aínda que cun nexo en común, como é o caso de Cuba e Galicia.

 

–Ler “Sándalo” é case como viaxar polas rúas de Cuba. ¿Vostede está moi vinculada ao país, non?

 

–Si porque eu son de familia de emigrantes. O meu pai era un neno labrego de Lugo que foi a Madrid a facer a mili e alí coñeceu á miña nai, asturiana, que emigrou á capital na posguerra. Ambos tiñan familia en Cuba e cando eu tiña catro anos decidiron marchar cara alá. As miñas primeiras vivencias están vinculadas a Cuba, claro.

 

–Reflicte vostede as diferenzas que había, aínda máis, entre homes e mulleres que emigran...

 

–Diferenzas igual que aquí. As mulleres galegas alí seguían sendo secundarias. Non recibían por, exemplo, a atención sanitaria do Centro Galego. Tendo en conta a dificultade que tiña unha muller na primeira metade do século XX, que saía, por exemplo, de Covelo ou da Fonsagrada, que chegaba ao porto, atravesaba un océano ata un lugar no que, probablemente, ninguén entendía o seu idioma... Era carne de canón para algo tan frecuente como o tráfico de mulleres para a explotación sexual, por exemplo.

 

–¿A cantos Xermán, un dos protagonistas, quédannos por coñecer?

 

–Unha das cousas que me interesaba reflectir na novela é que a emigración ten unha parte triste, de trauma, pero que nós estivemos a construír as novas nacións americanas e estivemos a participar nos procesos de independencia. Non só estivemos a repartir carbón, que tamén, estivemos a compartir cultura e ansia de saber. Ao estar en países máis avanzados, trouxemos avances tecnolóxicos á volta.